O PSdeG pídelle á Conselleira de Infraestruturas “que deixe de mentir e de botarlle á culpa aos demais”, porque, “se ten paralizada a Vía de Alta Capacidade, é porque quere e porque castiga á Mariña”. O propio director da Axencia de Infraestruturas recoñeceu que non é prioritaria
De feito, os únicos tramos executados –as variantes de Xove e de Ortigueira- son froito da xestión do PSdeG, a garantía de que cando Besteiro presida a Xunta lle dará prioridade e será a primeira obra que acometa, tal e como se comprometeu.
Así mesmo, O PSdeG pídelle á Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, “que deixe de mentir e de botarlle á culpa aos demais”, porque, “se ten paralizada a Vía de Alta Capacidade, é porque quere e porque castiga á Mariña”. De feito, o propio director da Axencia Galega de Infraestruturas recoñeceu recentemente nunha resposta a Patricia Otero no Parlamento que a VAC Costa Norte non é prioritaria para a Xunta.
“Se a Conselleira se aplicase o conto, daría prazos e orzamentos”
“Se a Conselleira fose responsable e se aplicase o conto daría prazos e orzamentos para a VAC Costa Norte, diría cando e canto, como ela está permanentemente esixindo cos trens Avril, coa ponte do Castro ou coa A-54”, subliñan os socialistas, incidindo en que, coas emendas dos socialistas aos Orzamentos “teñen a oportunidade de rectificar”.
A Vía de Alta Capacidade Costa Norte, anunciada polo Goberno presidido por Fraga e con Xosé Cuíña como Conselleiro en 2001, tiña que ter rematado en 2007, pero foi abandonada nun caixón ata que chegou o Goberno presidido polo socialista Pérez Touriño, que licitou os únicos dous tramos rematados ata o momento: A variante de Xove, en Lugo, inaugurada en 2017, e a variante de Ortigueira, inaugurada en 2013.
Dende entón, o PP tena parada porque ano tras ano consigna partidas económicas nos Orzamentos da Xunta que nunca executa. En vez de desbloquear os 9 tramos que aínda quedan pendentes, o Goberno galego trata de responsabilizar á Alcaldesa viveirense, que tivo que adaptar o PXOM á modificación imposta pola Xunta e coa que racharan o consenso no proxecto orixinal para a Ponte de Viveiro.
Este abandono da Xunta implica “seguir marxinando ás comarcas da Mariña Occidental e de Ortegal, deixándoas cunhas vías de comunicación deficientes, que atravesan moitos núcleos de poboación e cun trazado moi antigo”.
A VAC Costa Norte é unha infraestrutura fundamental para a vertebración e a conectividade da Mariña e de Ortegal, pero está totalmente abandonada e esquecida pola Xunta, como demostran os retrasos inxustificados e a escasa dotación orzamentaria, que, ademais, nin sequera executa.