Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación reivindica na constitución da FEGAMP máis fondos da Xunta para os concellos e clarificar competencias

José Tomé Roca participou na XI Asemblea da Federación Galega de Municipios e Provincias, que abordou este mércores en Santiago os principais retos do municipalismo de cara a este mandato 2023-2027, e que pasan por revisar o financiamento local e aclarar as funcións impropias das entidades locais

Lugo, 15 de novembro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este mércores en Santiago de Compostela na XI Asemblea da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), na que quedaron constituídos os órganos de goberno do ente representativo dos concellos e das deputacións galegas, que presidirá de novo Alberto Varela, Alcalde de Vilagarcía de Arousa, e na que se abordaron os principais retos do municipalismo de cara a este mandato 2023-2027.

Con motivo da constitución da FEGAMP, o mandatario provincial reivindicou “a necesidade de que a Xunta de Galicia transfira máis fondos aos concellos para que poidan facer fronte ao amplo abano de servizos públicos que prestan á veciñanza, incrementados aínda máis a raíz a pandemia, e que o faga con criterios públicos e obxectivos, iguais para todos”.

Tamén subliñou que “resulta imprescindible abordar xa a clarificación de competencias”, dada a sobrecarga de funcións impropias que asumen as entidades locais e provinciais sen contar ademais cos recursos económicos necesarios, o que lastra as facendas locais, como son as referidas aos servizos sociais, que “claramente son responsabilidade da Xunta de Galicia”, segundo establece o Estatuto de Autonomía e a Lei de Servizos Sociais de Galicia, e que, no caso da Deputación de Lugo, supoñen máis un terzo do seu orzamento total.

Así mesmo, o Presidente mostrou as súa satisfacción porque representantes municipais da provincia pasen a formar parte dos órganos de dirección da FEGAMP nesta nova etapa. Así, entran na Xunta Directiva o Acalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, e a Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e no Consello Federal, a tenente de Alcalde de Monforte, Gloria María Prada; a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; e os rexedores de Taboada, Roi Rigueira, e de Xermade, Roberto García Pernas.

Exit mobile version