Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP propón un plan de inspección emantemento das estradas da Deputación que inclúa a revisión anual do estado de puntos perigosos

O mantemento das estradas provincias é un dos puntos que os deputados populares propoñían abordar nunha reunión solicitada formalmente co presidente da institución provincial de cara a debater aspectos a ter en conta nos orzamentos da Deputación para o ano 2024

Xoves, 9 de novembro de 2023. Coa chegada da época de chuvias que están a ser intensas e continuas nos últimos días estanse a suceder varios incidentes na rede de estradas provincial relacionados con desprendementos, afundimentos ou pola erosión dos terreos que socavan a parte inferior ao pavimento.

É por iso polo que, en ton construtivo, o voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, propón que a Deputación de Lugo desenvolva un plan de inspección e mantemento anual das estradas provinciais que inclúa a revisión do estado de puntos perigosos, pontes, obras de drenaxe transversal, pasos da canles fluviais ou terrapléns e desmontes.

O popular cre que “a seguridade nas estradas na totalidade dos concellos da provincia nos debe preocupar a todos” e, polo tanto, se deben tomar medidas “á vista dos incidentes que incluso provocaron o corte dalgunha vía de titularidade provincial nos últimos días”.

“A pesar de que estes incidentes se deban a causas fortuítas relacionadas coa meteoroloxía”, Ameijide incide en que “se se leva a cabo unha boa inspección acompañada polos labores de mantemento necesarios, pódense evitar algunhas destas situacións”.

A rede viaria da Deputación de Lugo é fundamental para a vertebración do territorio. Constitúen, en moitos casos, a principal vía de comunicación por estrada de moitos núcleos da provincia. É por iso polo que dende o Grupo Provincial Popular teñen defendido en moitas ocasións a necesidade de aumentar os esforzos para o seu correcto mantemento, conservación e reparación onde sexa necesario.

O mantemento das estradas provincias -igual que o das zonas verdes e fluviais e dos edificios de titularidade da Deputación de Lugo- é un dos puntos que os deputados populares propoñían abordar nunha reunión solicitada formalmente co presidente da institución provincial de cara a debater aspectos a ter en conta nos orzamentos da Deputación para o ano 2024.

Exit mobile version