Os profesionais deste sector piden que se lles permita trasladar o diñeiro que teñen atrapado nas entidades privadas mutuais, tras toda unha vida cotizando, e achegalo ao sistema público, igual que se fixo no pasado con notarios e corredores de comercio
Lugo, 20 de novembro de 2023. En España, os profesionais da avogacía e procuradoría, adscritos ou non á Quenda de Oficio, non teñen dereito á xubilación, véndose obrigados a continuar no seu traballo, debido a que as contías das súas xubilacións son na maior parte dos casos inferiores a unha pensión non contributiva. Ata o ano 1995 estes profesionais non podían darse de alta no sistema público de traballadores autónomos ou RETA; obrigábaselles, como única opción posible, a adherirse a un sistema privado, as mutualidades.
Cando se abriu a posibilidade de adscribirse ao sistema público, o exercicio desta posibilidade implicou para os avogados e procuradores cotizantes nas mutualidades que todo o achegado queda atrapado nesas entidades privadas.
Desde os colexios profesionais continuouse potenciando e recomendando a permanencia dentro das mutualidades e a elección das mesmas para os novos colexiados, asegurando aos colexiados mellores prestacións e pensións lixeiramente superiores ás do RETA para pagos ao longo da vida profesional similares, sendo as mutualidades as que establecían as táboas de cotización de cada mutualista, pero ao momento da efectiva xubilación en ningún caso están a abonarse as pensións que aseguraban terían estes profesionais, ata o punto de abonar pensións na maior parte dos casos inferiores a 500€, non actualizables. Esa cantidade é que cobrarán ao longo da súa vida mensualmente, manifestando agora, ademais, que os nosos fondos non están garantidos, debido a que por posteriores reformas lexislativas, o que era un plan alternativo de xubilación pasou a ser un plan de pensións individuais, que se atopa moi lonxe do asegurado e facilita pensións vitalicias mesmo inferiores ao importe dunha pensión non contributiva.
Por este motivo, os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno unha iniciativa para instar ao Goberno de España a promover as modificacións normativas necesarias para establecer unha ventá ou pasarela que permita a posibilidade puntual, individual e voluntaria, de que os profesionais da avogacía e a procuradoría que o desexen poidan recuperar as súas achegas ás mutualidades privadas con destino ao RETA, garantindo a todos os profesionais, en función dos seus anos de exercicio e cotización ás mutualidades, o dereito a unha pensión de xubilación mínima e digna, nas mesmas condicións que ao resto de traballadores cotizantes do RETA, incluídos aqueles que xa conforman as clases pasivas.
Os profesionais deste sector non solicitan ningún privilexio, o único que reclaman é que se lles permita trasladar o diñeiro que teñen atrapado nas entidades privadas mutuais, tras as cotizacións de toda unha vida, e achegalo ao sistema público, igual que se fixo no seu día con notarios e corredores de comercio. Que se lles trate igual que ao resto de traballadores do país.