Socialistas e nacionalistas votaron en contra dunha iniciativa do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo para pedir ao Goberno central “compromiso coas infraestruturas da provincia”
Luns, 7 de novembro de 2023. PSOE e BNG rexeitaron no pleno da Deputación de Lugo esixir ao Goberno de España “compromiso coas infraestruturas de titularidade estatal na comarca da Mariña para garantir a seguridade, as comunicacións e a competitividade do territorio”, segundo explica o voceiro popular, Antonio Ameijide.
Socialistas e nacionalistas votaron en contra de finalizar con urxencia as obras de reparación do socavón da vergoña na N-642, avanzar na autovía A-74 que constituiría a alternativa a esta vía e desenvolver un adecuado mantemento da A-8. Estas eran algunhas das propostas que o Grupo Provincial Popular recollía nunha iniciativa coa que reclamar ao Goberno central máis investimentos para desbloquear e avanzar nas infraestruturas da provincia “ante o notorio abandono de Pedro Sánchez con Lugo e as desigualdades con Galicia en xeral”.
“Os socialistas volven escoller, unha vez máis, defender a Pedro Sánchez por riba dos lucenses e mariñáns. Xa o fixeron con Alcoa en setembro do 2019 negándose a esixirlle ao Goberno central aprobar o estatuto de consumidor electrointensivo -a pesar de que os seus compañeiros votaran a favor no Parlamento de Galicia- e tamén coa defensa dos gandeiros en febreiro do 2021 votando en contra de manter o anterior status de protección do lobo para non incluílo na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial”.
O popular subliña que “non deixa de ser curioso porque os socialistas si que votaran a favor desta mesma iniciativa no pleno do Concello de Lugo, no mesmo sentido que o BNG; favorecendo que saíse adiante por unanimidade igual que a proposta do Grupo Popular no Parlamento para instar ao Goberno a finalizar con urxencia os traballos de reparación do treito afectado polo burato na estrada N-642”.
“Pero máis sorprendente é aínda que o BNG e, máis concretamente, o seu deputado mariñán, Daniel García, se negaran a apoiar na Deputación de Lugo a iniciativa dos populares despois de defender durante o debate a necesidade de mellorar as infraestruturas estatais na provincia e que dende o Grupo Provincial Popular aceptasemos a súa emenda de engádega para incluír tamén nas reclamacións ao Estado a mellora da N-634”.
Para o portavoz popular, é “unha clara mostra de que os deputados nacionalistas na Deputación de Lugo están sometidos ao PSOE e a Tomé que, por certo, volveu demostrar a súa actitude ditatorial ao negarse a darme a palabra para responder ás súas alusións”. É dicir, “Tomé incumpriu o artigo 116 do Regulamento Orgánico da Deputación Provincial de Lugo”.
SECTARISMO NO GOBERNO PROVINCIAL
Ameijide defendeu o “reparto xusto e equitativo” das aportacións que a Xunta de Galicia dirixe directamente aos Concellos a través de distintos fondos para as entidades locais e subliñou os prexuízos que supón para moitos Concellos da comarca da Mariña o “sectarismo do goberno da Deputación de Lugo” que nos cinco primeiros meses do ano 2023 -xusto ata dous días antes das eleccións municipais- aprobaba a porta pechada en xunta de goberno dirixir de forma directa a 30 Concellos da provincia -gobernados por PSOE, BNG e independentes- máis de 10,5 millóns de euros -dos que 6,5 serán percibidos este mesmo ano- e 0 para Concellos gobernados polo PP”.
Precisamente eses 6,5 millóns outorgados a dedo para Concellos gobernados por cores políticas distintas ao PP son os que o Grupo Provincial Popular propón incrementar ao orzamento do Plan Único para que sexan distribuídos entre todos os concellos da provincia atendendo a criterios obxectivos.