Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Vilalba condena que “unha das primeiras medidas que toma a señora Rouco ao chegar a alcaldía é a reforma do seu despacho”

A nova alcaldesa socialista autoriza “gastos desproporcionados” coma os preto de 20.000€ para mobiliario e estores da alcaldía a pesar da “moi mala situación económica do Concello”

Vilalba, 22 de novembro de 2023. O Grupo Municipal do PP de Vilalba condena que “unha das primeiras medidas que toma a señora Rouco ao chegar á alcaldía sexa a reforma do despacho” especialmente tendo en conta que “o Concello se atopa nunha situación económica moi mala”, ademais de que “o despacho lle serviu perfectamente os anteriores alcaldes para desenvolver o seu traballo”.

Os concelleiros populares advirten de “gastos desproporcionados” por parte do goberno local e poñen como exemplo que “a alcaldesa socialista asinou dous decretos aprobando un gasto de preto de 20.000€ para mobiliario (18.047,88€) e estores (1.789,90€) cos que reformar a alcaldía”.

A voceira, Sandra López, explica que “cústalle máis ao Concello a reforma do despacho da alcaldesa que o arranxo da pista de Samarugo que se aprobou recentemente nun pleno extraordinario”. É dicir, “con eses cartos poderíase arranxar outra pista dalgunha das parroquias do noso rural”. En relación ás infraestruturas das parroquias lembran que “urxe intervir na ponte da Ribeira para garantir a seguridade dos usuarios”.

Outra das accións que podería impulsar o goberno vilalbés con ese diñeiro, sinalan dende o PP que podería ser “a recuperación dos talleres de dinamización social polas parroquias, como eran as actividades do ‘Rural Máis Vivo’ cancelado polo goberno socialista”. Lembran, de feito, que “a actual alcaldesa se comprometera fai máis de dous anos nun pleno a recuperar esas actividades”; pero “non cumpriu coa súa palabra”, subliñan.

En definitiva, “á vista da situación económica do Concello, a máxima responsable do goberno municipal debería amosar máis responsabilidade á hora de aprobar gastos con cargo ás arcas municipais”. Pero, “unha vez máis demostra que este goberno non está a atender as principais demandas e necesidades dos vilalbeses e vilalbesas e moitos menos a priorizar gastos nin a realizar unha xestión eficiente do diñeiro público”.

Exit mobile version