Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz tilda de “auténtica animalada” a suba de impostos do goberno local

Os populares advirten dun “xoves negro” para veciños e empresarios cando, previsiblemente, saia aprobada a proposta do alcalde no vindeiro pleno cos votos a favor do PSOE e do BNG

Foz, 22 de novembro de 2023. Javier Castiñeira traslada a “total indignación” do Grupo Municipal Popular de Foz polo “sablazo que o señor Cajoto lle quere perpetrar aos nosos veciños nos orzamentos do 2024 porque quere subir 800.000 euros en ingresos con respecto ao ano pasado. E iso directamente a cargo dos petos dos nosos veciños”.

O popular sinala que “quéreo facer a escuras, sen transparencia e sen previo aviso nin aos propios empresarios, asociacións de veciños nin á oposición”. Castiñeira engade que “dentro da orde do día da Comisión vén esa suba de tarifas e taxas que entendemos que é unha auténtica animalada, inasumible por parte dos veciños de Foz”.

O portavoz explica que “esta suba afecta a un montón de ordenanzas fiscais que, loxicamente, van incrementar os custes da vida aos veciños de Foz”. Polo tanto, “o Grupo do Partido Popular se opón a esa suba masiva de impostos locais e dicímoslle ao señor Cajoto que faga unha mellor xestión”. De feito, subliña que ten onde miralo: “con moito menos da metade do orzamento do que quere dispoñer o señor Cajoto (máis de 10 millóns de euros para o 2024), xestionouse o Concello nos anos 2014 e 2015, en plena crise”.

Castiñeira convida ao goberno local a “gastar menos e administrar mellor” e, dende logo, “non subir os impostos aos veciños”. Para isto “que non conte co Partido Popular porque entendemos que o próximo xoves, cando se aprobe no pleno cos votos de socialistas e nacionalistas esta suba de impostos municipais será un verdadeiro xoves negro para os veciños e empresarios do noso concello”.

Exit mobile version