Os populares poñen como exemplo que un proxecto de obra duns 100.000€ ata agora pagaba uns 3.500€ (2.5% do custo do proxecto, o 0.5% polo visado e outro 0.5% pola primeira ocupación) en concepto de licenza pero que, coa nova taxa que pretende aprobar o señor Cajoto aumentará, neste caso, en 1.000€, ata os 4.500€
Foz, 28 de novembro de 2023. “O xoves negro” que vivirá Foz esta semana vai camiño de marcar un antes e un despois no municipio xa que o señor Cajoto tamén pretende subir o custo das licenzas de obra “nun 30% aproximadamente”.
O voceiro popular en Foz, Javier Castiñeira, destaca que tanto PSOE como BNG queren castigar a toda a vila xa que “subir o prezo das licenzas de obra afecta a calquera veciño e a calquera persoa que queira investir no noso municipio”.
Dende o PP de Foz explican que este imposto vai asociado a unha taxa e supón o 2.5% do coste do proxecto máis un 0.5% polo visado da propia licenza e un 0.5% máis na primeira ocupación. En resumo, un 3.5% do total do proxecto.
Por poñer un exemplo, calquera persoa que pida unha licenza para un proxecto dunha vivenda de 100.000€ aproximadamente, tería un custo da licenza duns 3.500€. Pero coa nova regulación que pretenden aprobar PSOE e BNG o custe aumentaría, neste caso, uns 1.000€, xa que “pese a que o imposto segue igual, as taxas soben”.
A taxa de visado pasa do 0.5% ao 1% e a de primeira ocupación tamén aumenta na mesma proporción. En total, do 3.5% pasamos ao 4.5%, de aí esa suba de 1.000€ no exemplo explicado.
O voceiro popular ve “absolutamente innecesario” este aumento porque estamos a vivir un momento no que “é preciso fomentar o investimento económico”, sobre todo naqueles sectores que están a pasar por momentos complicados.
“Este é o goberno que temos en Foz. Esta é a esquerda de Foz. Que sobe os impostos, algo que calan en período electoral pero que á primeira ocasión que teñen o fan sen miramentos”, criticou, ao que engadiu que “semella que as sorpresas do señor Cajoto para este xoves negro semellan non rematar”