Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela afirma que o goberno local aproba prorrogar o contrato á concesionaria do SAF e un suplemento de crédito “a pesar das advertencias sobre a falta de documentación obrigatoria”

Os populares sinalan que no pleno extraordinario deste venres “non se valoraba a necesidade do SAF, que é un servizo moi útil para os veciños, o que se valoraba é a idoneidade de que se lle prorrogara o contrato á actual empresa concesionaria”

Burela, 10 de novembro de 2023. “O goberno local bipartito aprobou o expediente do SAF a pesar das advertencias do Grupo Municipal Popular de que faltaba documentación obrigatoria tanto para a empresa (a memoria anual da empresa que é obrigatorio presentar, nin os informes mensuais ou bimensuais que puidera ter a empresa con respecto ao servizo) como para o Concello”.

Así o explican os concelleiros populares tralo pleno extraordinario celebrado este venres no que constataron “unha vez máis” que “o bipartito fai caso omiso ás advertencias sobre a falta de rigorosidade na documentación”.

O PP aclara que “non se valoraba a necesidade do SAF, que é moi útil para os veciños e veciñas. O que se valoraba é a idoneidade de que se lle prorrogara o contrato á actual empresa concesionaria. Pero, se non cumpre co que figura nos pregos técnicos como de obrigado cumprimento, malamente se lle pode prorrogar un servizo”.

O goberno local bipartito tamén aprobou un suplemento de crédito, a pesar das advertencias do PP de que “estaban cometendo unha nova irregularidade. Había un erro contable clamoroso que recollen todos os informes de intervención, secretaría e incluso na memoria da alcaldía”. Os populares explican que se trata “dun erro de máis de 18.000 euros” que indica que “se contaba cun superávit que non existe”. E, ademais, “faltaban as explicacións de para que se ían a empregar eses cartos. Non figuran na memoria da alcaldía nin en ningún outro documento. E iso é taxativo por lei”, explica o portavoz popular, Manuel Rouco.

En relación á concesión da Medalla de Ouro do Concello á Cofradía de Pescadores de Burela, unha proposta dos populares, os concelleiros aseguran que “é unha honra formar parte da Corporación nun acto tan importante: o centenario da Cofradía de Burela, un dos piares sobre os que se fundou a nosa vila”.

Exit mobile version