Os populares denuncian “un novo agravio” a Galicia por parte do Goberno de Sánchez que pactou co PNV transferir medios persoais e materiais para a xestión do litoral no País Vasco sen necesidade de reformar o Estatuto; pero a Galicia lévaa ao Tribunal Constitucional”
A Mariña, 22 de novembro de 2023. Os populares lamentan que os rexedores e representantes municipais do PSOE e BNG nos Concellos da Mariña non acudiran á reunión informativa convocada pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, en relación á Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
Dende o PP explican que “estaban convocados á reunión os alcaldes e representantes municipais de todos os Concellos, independentemente da súa cor política; pero non apareceu ningún do PSOE nin do BNG”. E engaden que “estamos acostumados ao seu sectarismo político; pero, neste caso, negarse a asistir a esta reunión informativa á que estaban convocados é dar as costas aos seus veciños e veciñas e ás empresas da cadea mar-industria ou doutros sectores asentadas na costa”. É dicir, “vai máis alá da falta de respecto institucional coa Xunta” porque “o que están a amosar é total falta de empatía cos afectados pola incerteza que supón a presentación por parte do Goberno de Pedro Sánchez dun recurso de inconstitucionalidade contra a lei galega de xestión do litoral”.
Neste sentido, os populares denuncian “un novo agravio” a Galicia por parte do Goberno central poñendo como exemplo o País Vasco. “O PSOE pactou co PNV a transferencia dos medios persoais e materiais para a xestión do litoral sen reclamar a reforma do Estatuto vasco, pero a Galicia non lle permite xestionalo a pesar de que o noso Estatuto de Autonomía recolle as mesmas competencias que o do País Vasco”.
Tendo en conta que “Galicia ten as competencias para ordenar o seu territorio, incluído o costeiro, a Xunta defende a validez da normativa autonómica e está a preparar as alegacións ao recurso presentado polo Goberno de Sánchez” porque “pretende sacar da súa localización actual instalacións xa asentadas na liña de costa” que suporá “complicar máis o futuro da Mariña e do emprego”. Os populares cren, polo tanto, conveniente “defender en todas as instancias os intereses das empresas, entidades e cidadáns” para “darlles seguridade xurídica”.