Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP critica que Tomé preside un goberno sen proxecto e que solo foi ao Parlamento a atacar á Xunta ao non explicar nada dos próximos orzamentos da Deputación

Os deputados Antonio Ameijide, Carmen José López e José Pardo desprazáronse a Santiago de Compostela para tentar coñecer as liñas que marcarán os vindeiros orzamentos provinciais ante a negativa de Tomé a reunirse co Grupo Provincial Popular, pero alí falouse de todo menos do proxecto para Lugo dende a Deputación provincial

Lugo, 3 de novembro de 2023. Os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo tiveron que achegarse hoxe ata o Parlamento de Galicia para poder ter coñecemento das liñas mestras dos orzamentos do goberno provincial para 2024, “unha clara mostra de falta de respecto e lealdade institucional” de José Tomé que “nin sequera tivo a ben responder á petición de xuntanza que lle realizamos dende o Grupo Popular” para poder sentarnos e dialogar sobre os orzamentos do vindeiro ano.

Ata Santiago de Compostela desprazáronse o voceiro, Antonio Ameijide; a vicevoceira, Carmen José López; e o deputado, José Pardo, que amosaron o seu malestar “por ter que coñecer algunha pincelada dos orzamentos fóra da provincia de Lugo” xa que a realidade do que fixo o presidente da Deputación foi “empregar as súas intervencións para “lanzar ataques continuos á Xunta de Galicia”.

Os deputados populares preguntan a Tomé “para que foi a Santiago de Compostela a atacar a Xunta de Galicia en lugar de presentar os orzamentos da Deputación de Lugo” xa que o único que dixo das próximas contas provinciais é que chegarán ata os 116M€.

“A realidade é que o modelo de Tomé e do PSOE e BNG está esgotado. Non se entende que o presidente da Deputación empregue o 90% do tempo para presentar os orzamentos en ataques á Xunta de Galicia”, indicou.

Antonio Ameijide amosou o seu pesar por ver como, un ano máis, semella que José Tomé “conxela” o Plan Único para os concellos seguramente para seguir destinando os recursos económicos a aqueles concellos que quere Tomé e para potenciar as carreiras políticas dos cargos do PSOE.

Neste senso, o voceiro popular recorda que pedimos aumentar os fondos que a Deputación de Lugo destina ao Plan Único nun 30%, é dicir, en 6.5M€, a mesma cantidade económica que José Tomé destinou durante os cinco primeiros meses do 2023 —de xaneiro a maio— a convenios aprobados a porta pechada en xunta de goberno —44 con concellos gobernados polo PSOE, 11 con municipios liderados polo BNG, 3 para municipios dirixidos por independentes e ningún convenio con concellos gobernados polo PP—. “Demostran que o único obxectivo de Tomé é continuar practicando un municipalismo de amiguetes para favorecer aos seus – PSOE e BNG – ademais de destinar os recursos económicos da Deputación a potenciar as carreiras políticas dos socialistas”, denuncia.

Os populares lamentan que “lonxe quedan os anos nos que a Deputación era o motor da provincia” xa que na actualidade a Deputación de Lugo non lidera nin a creación de emprego, nin a promoción do turismo, nin o apoio á industria “o que provoca que a provincia de Lugo segue perdendo competitividade a un ritmo alarmante”.

FALTA DE LEALDADE COS LUCENSES E A OPOSICIÓN

Para os deputados populares que José Tomé presentase en primeiro lugar os orzamentos da Deputación en Santiago de Compostela “é unha falta de respecto a todos os lucenses e ao Grupo Provincial Popular”, pero, engadiu, “non nos estraña vindo dunha persoa que esixe reunirse co presidente da Xunta e nin sequera é capaz de dar unha resposta á petición de xuntanza realizada polos deputados populares e por numerosos alcaldes da provincia e leva 5 anos sen recibir alcaldes do PP”.

Ademais da petición de subir o Plan Único Provincial nun 30%, os deputados populares querían presentar outras propostas para os orzamentos na xuntanza que solicitaron con Tomé. Algunha desas propostas son:

Consignación orzamentaria necesaria para aprobar un Plan Provincial Plurianual de Rehabilitación de Firmes de Vías Provincias que se atopan en mal estado no que se dea prioridade á conservación e mellora das estradas nas que non se levaron a cabo obras de conservación e mellora nos últimos anos

Creación de polígonos industriais e posta en marcha e impulso dos xa construídos, ademais de mellorar o mantemento dos bens de titularidade provincial.

Plan provincial de axuda aos concellos para o ciclo auga

Axudas destinadas aos servizos de conciliación (servizos madrugadores, atención de tarde e escolas deportivas).

Apoiar aos concellos de menos de 20.000 habitantes para:
Elaboración técnica dos distintos plans municipais
Tradución de páxinas web municipais de turismo
Eliminar barreiras arquitectónicas en edificios municipais
Dixitalización

Consignación orzamentaria suficiente para a construción e equipamento de Centros de Atención a Persoas Maiores (CAM´S), como por exemplo os de Guitiriz, O Courel, Cervantes, A Pontenova ou Becerreá

Consignación orzamentaria para a concesión de axudas ás confrarías de pescadores e ás agrupacións/ asociación de Mariscadoras.

Creación dun plan de axuda ao sector primario da provincia.

Colaboración cos concellos no cumprimento da lei de benestar animal

Exit mobile version