Os populares condenan a “falta de previsión” ao non ter programado as obras na praza do Viveiró para outra época do ano
Muras, 10 de novembro de 2023. Os populares de Muras cren que “pospoñer a data de celebración da Feira do Mel da Montaña é unha tomadura de pelo aos produtores” porque “a época da venda do mel é agora, non dentro dun mes ou noutra data”. Nese sentido, dende o Grupo Municipal Popular defenden que “no noso Concellos hai outro moitos lugares onde celebrar a feira” á vista de que as obras de rehabilitación da praza do Viveiró non estarán rematadas para o 19 de novembro.
Dende o PP subliñan a “falta de previsión” xa que “as obras se deberían ter programado para outra época do ano e non para o outono ou o inverno”. E condenan tamén que “o goberno local non apreciase ata agora os prexuízos que causan as obras na praza do Viveiró no día a día. Parece que lles interesa máis o evento que o día a día dos veciños e veciñas”.
Nese sentido, os populares lembran “as queixas dos veciños pola parada do autobús, pola falta de acondicionamento dos accesos provisionais á praza e polo rodeo de varios quilómetros que hai que facer por estar pechada a estrada do Viveiró”.
Os concelleiros sinalan que “o alcalde xa advertiu en varios plenos que mentres non tivera soldo non iba ter a mesma dedicación ca antes” e con esta obra e a posposición da feira “demostra o seu pasotismo e o abandono da veciñanza”.