Antonio Ameijide denuncia que mentres o presuposto total da Deputación de Lugo aumenta en case 6M€ a realidade amosa que se reducen nun 10% as aportacións ás entidades locais, ao pasar dos 15.887.039,58€ de 2023 aos 14.340164,76€ previstos para o vindeiro ano
Dende o Grupo Provincial Popular denuncian que José Tomé mentiu durante a súa comparecencia no Parlamento, o pasado 3 de novembro, cando asegurou que ía aumentar a aportación da Deputación ao Plan Único nun millón de €, pero na realidade conxélase, manténdose previsiblemente nos 21.5M€ e desoíndo a proposta dos deputados populares de aumentalo en 6.5M€
Os deputados populares afirman que os orzamentos que presentou José Tomé non son sociais nin cumpren coas necesidades da provincia xa que PSOE e BNG conxelan o investimento en política social, o que se traduce en que non van abrir ningunha nova residencia, nin as rematadas, como é o caso da de Becerreá
Antonio Ameijide pon de manifesto que o mantemento da rede viaria provincial “non é nin unha prioridade nin unha preocupación” para Tomé xa que reduce en 400.000€ os fondos destinados para a mellora das estradas provinciais, a pesar de que as carreteras da provincia están en moi mal estado, supoñendo un risco para a seguridade viaria
No PP explican que no caso das axudas, liñas e programas vinculados coa actividade agrogandeira, forestal e do mar (axudas para o tecido asociativo e as corporacións locais) a redución “é moi drástica”, do 21%, baixando o investimento en 401.461,33€, pasando dos 1.941.261,33€ de 2023 aos 1.539.800€ para 2024
A promoción turística da provincia é outro eido no que tanto PSOE como BNG suspenden nas contas para 2024 ao conxelar os fondos destinados para a difusión da imaxe da provincia (dos 1.924.624,26€ en 2023 aos 1.915.986,36€ para 2024), mentres seguen destinando importantes partidas para a promoción e difusión das “carreiras políticas” daqueles cargos socialistas e nacionalistas que lles interesan