Dende o PP aseguran que “estas faltas clamorosas na xestión cultural non se daban anteriormente en Burela” polo que “se fai evidente que o cambio de goberno non foi para mellor”
Burela, 9 de novembro de 2023. Os populares aseguran que “a xestión conleva traballo, esforzo e dedicación”, pero “en Burela estamos a padecer a súa ausencia”. De feito, “os veciños e veciñas de Burela non paramos de comprobar as eivas do goberno local bipartito encabezado pola señora López Moreno e o señor Pillado Mon, que parece que comeza a percibir que a xestión é algo máis que fotos e posados”. Así o sinalan os populares poñendo como exemplo nesta ocasión a cancelación de dous espectáculos musicais en menos de dous meses.
“Podería parecer anecdótica a cancelación do musical ‘Disney Rock’ en setembro do presente ano, pero é unha situación que comeza a ser habitual porque volveu repetirse o mesmo con ‘Coco-Recuérdame’ previsto para este venres 10 de novembro. En menos de dous meses canceláronse as funcións en Burela de dous musicais que recolleron éxitos en tódalas vilas polas que pasaron”, subliñan.
Os populares pregúntanse por que houbo que cancelar en Burela e, a ese respecto, temen que “se deba ás persoas que están ao fronte do goberno local”. De feito, sinalan que “estas faltas clamorosas na xestión cultural non se daban anteriormente en Burela. Faise evidente, polo tanto, que o cambio tralas últimas eleccións municipais non foi para mellor”.