Este terceiro derbi galego da tempada para o equipo Laranxa foi un partido dedicado á loita contra a violencia de xénero de acordo co Plan de Patrocinio ao deporte feminino da Xunta de Galicia
Burela, 11 de novembro, 2023. Esta tarde ás 18.45h no Pavillón Municipal Vista Alegre de Burela xogábase a 9ª xornada da Primeira Division Iberdrola FS, o terceiro derbi galego da tempada no que participa o conxunto mariñán, Pescados Rubén Burela FS – Ence Marín Futsal. Con 700 espectadores e presidido polo vicepresidente da RFGF, Pablo Prieto, este encontro foi un partido dedicado á loita contra a violencia de xénero de acordo con o Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición femininos de primeiro máximo nivel estatal de Galicia, no que se inclúe este plan de Patrocinio contra a violencia de xénero, “NON á violencia de xénero”. O plan é resultado dun acordo entre a Vicepresidencia Segunda da Xunta e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que vén asinando desde 2020 co obxectivo da difusión de campañas específicas contra a violencia de xénero e o fomento da igualdade no deporte. Para realizar as accións incluídas no plan adaptouse toda a cartelería do encontro para dedicalo á temática para tratar, a loita contra a violencia de xénero. Tamén se realizou un acto previo no que ambos equipos, por separado e todos xuntos, pousaron para unha foto (que se adxunta na ligazón ao final da nota) cunha pancarta co logo oficial da campaña “NON á violencia de xénero”. Ante un Marín Futsal ao que lle está custando escalar nos postos da táboa clasificatoria nesta tempada, as pupilas de Julio Delgado dominaron o encontro de principio a fin deixando a súa portería intacta durante os 40 minutos de xogo e afianzando a súa primeira posición na táboa cun Alcorcón a tres puntos que tamén gañou hoxe contra o noso próximo rival, o FSF Castro.
Na primeira parte abre Emilly o marcador xa no minuto 2 cun golazo nun tiro de falta moi perigosa na frontal da portería rival. No minuto 5 Antía Pérez coa o balón entre as pernas de Pinto conseguindo o 2-0 para o conxunto burelense. No 7 volve Antía a puntuar, con asistencia de Dany, tras unha boa xogada colectiva e no minuto 15 o golazo do partido e pode que da xornada, cun disparo incrible de Cilene desde campo propio rozando a mediapista, meténdoa por toda a escuadra da portería do equipo rival e impoñendo o 4-0 co que chegan a o descanso.
Na segunda metade a capitá Dany métella entre as pernas de novo á porteira portuguesa, tras un roubo na frontal; e no minuto 30 Irene Samper sentencia o 6-0 do encontro nunha contra. Numerosas oportunidades máis das Guerreiras Laranxas que fixeron un partido de 10.
A próxima xornada celebrarase o cuarto derbi galego para o Pescados Rubén, un derbi provincial que promete moita emoción e que se poderá ver a través da nosa televisión autonómica, a RTVG, ás 12.00h do domingo 19 de novembro, o FSF Castro Bloques Cando – Pescados Rubén Burela FS.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS – Ence Marín Futsal
Pescados Rubén Burela FS (6): Caridad; Cilene, Cami, Patricia, Emilly -quinteto inicial-, Dany (C), Antía Pérez, Aroa, Irene Samper, Rafinha, Noelia Montoro e Jozi Oliveira (P)
Ence Marín Futsal (0): Pinto; Débora, Bravo, Pedreira, Cunha -quinteto inicial-, Adriana, Lucía, María, Lysa, Inés (C), Patri (P) e Marina (P).
Goles: 1-0, min.2: Emilly. 2-0, min.5: Antía Pérez. 3-0, min.7: Antía Pérez. 4-0, min.15: Cilene. 5-0, min.27: Dany. 6-0, min.30: Irene Samper.
Árbitros: Adrián Calleja Rubio, Gael García Schmid, Óscar Francisco Zarza Sánchez, Abel Molinero Rodríguez.
TA: Rafinha, Noelia Montoro, Bravo.