As burelistas foron superiores ás pontevedresas e xeraron moitas ocasión sobre o marco visitante, pero non resolveron a eliminatoria ata o treito final con dous tantos da brasileña Cami en 15 segundos
O cadro burelista foi moi superior no primeiro tempo, pero dous lanzamentos ao pau e a actuación de Sandra Buzón provocaron que só se fose ao vestiario cunha vantaxe mínima de 2-1. As discípulas de Julio Delgado saíron como un ciclón ao parqué de Vista Alegre e coleccionaron múltiples ocasións diante do marco dun conxunto poiense que sufría para defenderse das acometidas locais. Irene Samper xa avisou cun lanzamento ao pau desde fóra da área aos 30 segundos e no minuto 3 a meta visitante tería que estirarse nun lanzamento de Emilly, que tras o saque de banda posterior atopábase tamén co pau da meta conserveira.
Así as cousas, o primeiro tanto non tardaría en chegar. Antía, cun fenomenal lanzamento desde uns 10 metros tras recibir un balón de Patricia no pívote, limpaba as teas de araña da escuadra esquerda da portería das pontevedresas. A pesar do gol, as mariñás non baixaron o acoso sobre a meta rojilla e a gardaredes santanderina volvía intervir para salvar un man a man diante dunha Patricia que recibira o esférico nunha posición un tanto forzada.
A primeira ocasión visitante non chegou ata o ecuador do primeiro período, cando Ale de Paz probaba a Caridad cun lanzamento desde a distancia. Foi un espellismo, xa que un minuto máis tarde Emilly subía o segundo para as locais tras unha fulgurante contra. A da Ilha dos Valadares atopábase primeiro co pau e aproveitaba o seu propio rexeite para bater a Sandra Buzón, logo de que o balón tocase en Martita.
As pontevedresas fóronse estirando pouco e a pouco e no minuto 13 atoparon o premio nun libre indirecto. Saki recibía e o seu disparo tocaba en Cilene o xusto para cambiar a traxectoria do envío e que Caridad non puidese facer nada. Non acusaron o tanto as mariñás, que volveron inquietar ao equipo rival por mediación de Cami, nun man a man, e Patricia, cun disparo ao lateral da rede.
A minuto e medio do descanso, Antía vía a súa segunda tarxeta amarela tras un agarrón a Saki e era expulsada, nunha acción na que Caridad estivo moi atinada para deter o remate da xaponesa. O Pescados Rubén soubo sufrir na inferioridade e evitar encaixar o empate nun tramo final no que a rojilla Laura Uña atopouse co pau da meta local.
Nos últimos 24 segundos cunha futbolista menos, xa na segunda parte, as burelistas tamén conseguiron evitar que as poienses anotasen. Xa con igualdade en pista, o conxunto mariñán volveu tomar o protagonismo e Emilly puido aumentar a distancia tras un gran recorte, pero o seu disparo era despexado de novo por Sandra Buzón.
A partir de aquí, o partido converteuse nun toma e daca, cun Burela cargándose moi rápido de faltas. Caridad tivo que meter a xema dos dedos para sacar un tiro de Rocío Gómez e respondían Noelia Montoro, logo dun contragolpe conducido por Cami e Patricia, e Dany, cun bo xiro no pívot e un remate demasiado frouxo.
Coa quinta falta do cadro local, cometida a 10:26 do final, Julio Delgado apostou pola porteira-xogadora e, na primeira acción, unha perda de balón permitíalle a Laura Uña igualar cun lanzamento desde o seu propio campo. Porfiou o técnico local co xogo de cinco e logrou o premio á súa insistencia a catro minutos e medio da conclusión, cando Cami resolvía soa no segundo pau unha boa acción colectiva.
Tras o tanto, era o preparador visitante, Luis López-Tulla, o que apostaba pola exburelista Ale de Paz como porteira-xogadora, pero un roubo de Emilly permitíalle a Emilly marcar desde a parcela burelista e poñer o 4-2 só 15 segundos despois do terceiro tanto. O Poio Pescamar seguiuno tentando co xogo de cinco, pero as mellores ocasións foron de Irene Samper e Emilly, aínda que non lograron subir o quinto ao electrónico de Vista Alegre.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 4-2 Poio Pescamar
Pescados Rubén Burela FS (4): Caridad; Noelila Montoro, Irene Samper, Emilly, Dany -quinteto inicial-, Cami, Patricia, Cilene, Antía e Rafinha.
Poio Pescamar (2): Sandra Buzón; Martita, Ale de Paz, Saki, Laura Uña -quinteto inicial-, Rocío Gómez, Carla Ayensa, Elena Aragón e Irene García.
Goles: 1-0, min. 6: Antía. 2-0, min. 11: Emilly. 2-1, min. 13: Saki. 2-2, min. 31: Laura Uña. 3-2, min. 36: Cami. 4-2, min. 36: Cami.
Árbitros: Óliver Cardero e Héctor Vilas (Galicia). Expulsaron á burelista Antía no minuto 19 por dobre amonestación. Tamén viron o cartón amarelo Caridad e o técnico, Julio Delgado.
Inicidencias: Encontro dos oitavos de final da Copa da Raíña disputado no pavillón de Vista Alegre ante uns 800 espectadores.