Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento de Galicia reitera ao Goberno central que aprobe un marco de subministración eléctrica competitivo que beneficie a empresas como Alcoa

“A 40 días da reactivación das cubas de Alcoa, a factoría de aluminio non só ten pechadas as cubas de electrolise, senón que tamén cesou a produción da fundición”, dixo José Manuel Balseiro

Compostela, 22 de novembro de 2023. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do PSdeG, a través da que se reitera ao Goberno de España que aprobe, con carácter inmediato, un marco de subministración eléctrica competitiva, estable e predicible para empresas como a de Alcoa, que teñen un carácter electrointensivo; modifique o Estatuto dos consumidores electrointensivos para que estas industrias españolas compitan en igualdade de condicións coas súas homólogas europeas; e incremente a dotación orzamentaria máxima permitida pola normativa europea para a compensación dos costes indirectos por CO2 da industria electrointensiva.

Así mesmo, na iniciativa do Grupo Popular pídese que o Goberno central active canto antes mecanismos de interrumpibilidade efectivos para reducir o prezo eléctrico da industria electrointensiva; impulse mecanismos que activen e posibiliten a contratación de PPAs para as industrias electrointensivas, tal e como fixo a Xunta e que favoreceu a firma de dous contratos PPAs por parte de Alcoa con promotores de proxectos eólicos; e se manteña a bonificación de peaxes do 80 por cento.

FERRAMENTAS DOS GOBERNO DO PP

O deputado popular José Manuel Balseiro explicou que, “a 40 días da reactivación das cubas de Alcoa, pactada entre os responsables da empresa e os traballadores, a factoría de aluminio non só ten pechadas as cubas de electrolise, senón que tamén cesou a produción da fundición, a única sección da fábrica de aluminio que continuaba operativa no complexo fundindo aluminio reciclado; e a outra fábrica, a refinería de alúmina, está producindo tan só ao 50 por cento da súa capacidade, lastrada polo elevado prezo do gas”.

“En todo este tempo de espera, o Goberno de Pedro Sánchez foi incapaz de garantir un prezo eléctrico competitivo e de fixar un marco enerxético estable para a industria electrointensiva”, sinalou o deputado popular, quen anotou que “todo isto a pesar de que a señora Pontón e os socialistas prometían en 2020 que o seu voto a favor da investidura de Pedro Sánchez estaba condicionado a solucionar este problema con Alcoa”. “Prometían un estatuto para a industria electrointensiva que solucionaría este problema e mentiron aos galegos, aos traballadores de Alcoa e a todas as empresas grandes consumidoras de enerxía”, dixo. De feito, apuntou que “naquel momento o complexo de aluminio-alumina estaba producindo ao 100 por cento, e hoxe está tan só a un 25 por cento do que o facía”

Fronte a esta situación, Balseiro salientou que “os sucesivos gobernos do PP deseñaron sempre ferramentas que permitiron que Alcoa funcionase”. Así, indicou que “non tiñamos un estatuto electrointensivo, pero si outras ferramentas de apoio a esta industria, como as poxas de interrumpibilidade ou unha tarifa especial para este tipo de industrias, adaptando os apoios en función da evolución do mercado e as esixencias de Europa”.

PROBLEMA ENERXÉTICO

José Manuel Balseiro subliñou que “o problema de Alcoa non é industrial, senón enerxético”, polo que cuestionou “canto tempo máis temos que agardar para que o PSOE asuma a responsabilidade de gobernar a favor desta industria?”.

“Porque a Xunta está poñendo todo da súa parte para apoiar a reactivación da principal fábrica de aluminio de España, apoiando con axudas as obras de modernización do complexo e de mellora da eficiencia enerxética, realizando modificacións lexislativas que faciliten a sinatura de contratos de subministro eléctrico con industrias electrointensivas; ou autorizando os parques eólicos que son da súa competencia para facelos posibles”, manifestou.

Balseiro rematou a súa intervención incidindo en que “necesitamos un estatuto electrointensivo verdadeiramente eficaz, esgotar ao máximo as compensacións por CO2, activar na súa totalidade os mecanismos de interrompibilidade e que os parques eólicos sexan unha realidade non sobre o papel, senón sobre o terreo”. “En definitiva, merecemos un marco enerxético competitivo, estable e predicible para empresas como Alcoa e todas as que teñen un carácter electrointensivo, de xeito que poidan seguir xerando riqueza e emprego en Galicia”, sinalou.

Exit mobile version