Ribadeo, 22 de novembro, 2023. Un curso máis o IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou xunto a outros 7 centros na Sesión Autonómica do Modelo de Parlamento Europeo. Esta foi xa a V Sesión e os temas seguen sendo de absoluta actualidade: a saúde mental dos xoves en Europa; a ética da Intelixencia Artificial; a escaseza de auga e o papel da UE; o turismo sostible como forma de promover a economía local e rexional. Catro alumnas con responsabilidade sobre catro áreas da política máis actual que intercambiaron saberes e unificaron opinións e criterios de actuación con outros colegas de 1º de bacharelato: Sara Requejo Fernández, Marcela Pérez-Magdalena Villar, Claudia Loureiro García (que, a pesar do traballo previo realizado non puido asistir á Sesión por enfermidade) e María Moledo de Diago
Dous días de intenso e reflexivo debate no que o alumnado demostrou unha disposición política desde o máis puro fundamento democrático, características que definen e sitúan como exclusivo este programa desde fai máis de vinte anos.
Fronte a outros concursos e proxectos nos que priman distintas habilidades e competencias, o Modelo de Parlamento Europeo reproduce de forma fiel a estrutura formal e protocolaria da política parlamentaria transnacional concedendo gran importancia á reflexión e ao contraste de ideas sen caer na teatralidade ou a agresividade convulsa dalgúns debates políticos, tanto profesionais coma afeccionados. O consenso convértese así nun fin que aúna o traballo conxunto e unifica os obxectivos de todos os e as participantes. Un exemplo de comportamento democrático e de exercicio de tolerancia e cooperación que debera ser emulado en todos os ámbitos sociais.
En definitiva, o MEP é un programa educativo cuxo obxectivo é fomentar nos xoves a conciencia de identidade europea e a cultura de debate parlamentario construtivo a través da recreación de sesións parlamentarias entre os propios estudantes a nivel escolar, autonómico, nacional e europeo, e acadar consensos sobre diversos temas de actualidade. As súas conclusións son presentadas ao Parlamento Europeo. Isto supón unha preparación actualizada e un diálogo entre iguais que culmina nunha resolución que se presenta á Asemblea que escoita, valora, argumenta e, para rematar, aproba ou rexeita dita resolución.
Terminada a V Sesión Autonómica de Galicia xa só queda seguir participando no foro virtual do programa, e coñecer, dentro duns días, se algunha das nosas alumnas poderá formar parte do grupo que representará a Galicia na XXIV Sesión Nacional do Modelo de Parlamento Europeo que se celebrará en Madrid do 9 ao 11 de marzo de 2024, e que abrirá as portas á Sesión Europea.