Patricia Otero critica que o PP vote no Parlamento en contra da reparación da explanada portuaria, a reestruturación do porto deportivo e de reverter no Concello os terreos que xa non teñen uso portuario
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, acusou hoxe ao PP de “rachar co consenso” parlamentario que había para pedirlle á Xunta que reparase o Porto de Foz. Otero presentou unha iniciativa na Comisión de Pesca para pedirlle á Xunta que repare a explanada, a reestruturación do porto deportivo de Tupide e que reverta no Concello os terreos que xa non teñen uso portuario, pero o PP votou en contra.
A responsable socialista lembrou que o acordo parlamentario para pedir estas actuacións foi roto xa en 2021 “coa chegada dun mariñán” á portavocía de Pesca do PP, apuntando ao deputado José Manuel Balseiro, quen mudou o sentido do voto e empezou a rexeitar tódalas iniciativas presentadas neste sentido. Criticou que hoxe mesmo anunciara a dragaxe do porto deportivo, que “levan máis de dez anos prometendo” pero que o goberno galego nunca executa.
Reclamoulle ao presidente de Portos que atenda á petición de reunión do propio alcalde de Foz, o socialista Francisco Cajoto, para consensuar as actuacións nas instalacións portuarias. Lembrou que o rexedor xa solicitara este encontro coa anterior titular do ente no mes de marzo e despois, xa en abril, co novo presidente, pero que aínda non foi atendido.
Lembrou que a infraestrutura portuaria precisa da dragaxe da canle de entrada dos peiraos e no interior da dársena do porto chico ou porto deportivo, así como a reparación da rede de drenaxe do firme da explanada portuaria do porto de Foz, a reparación da varanda de seguridade, o proxecto de conservación do talud do Camiño do Curveiro para evitar desprendementos e, finalmente, a ampliación da dársena do Porto Chico.
Esixiulle ao PP e ao goberno galego que “deixen de botar balóns fora” sinalando ao goberno local para iniciar coas obras e ao goberno central á hora de reverter os terreos no concello. Puntualizou en primeiro lugar que é a Xunta quen ten que poñer ao día os permisos e non o goberno local e, por outra banda, lembrou que o Executivo central “demostrou que non ten ningún problema en reverter os terreos nas entidades locais”, pero a Xunta debe facer o trámite previo de solicitalo.