Na visita á localidade tamén repasou xunto co alcalde focense, Francisco Cajoto, e a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez, algunhas das actuacións finalizadas, como a recuperación do sistema dunar na Pampillosa cun orzamento de 80.000 euros, e outras que están en marcha, como as melloras na praia de Llas cun investimento de 320.000 euros
Foz, 14 de novembro de 2023. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou esta mañá no concello de Foz a aposta do Goberno pola conservación e a mellora do litoral galego, cun investimento de máis de 68 millóns de euros. Fíxoo durante a supervisión das obras xa finalizadas do sendeiro peonil entre as praias de Peizás e A Pampillosa, cun achega de 886.000 euros. “Unha actuación financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que evidencia o compromiso do Goberno coa posta en valor dos recursos naturais do Concello de Foz, dentro da súa aposta pola dinamización económica e turística da Mariña, e que se enmarca dentro dos 4,4 millóns de euros proxectados para distintas obras na provincia de Lugo”, salientou o delegado.
Pedro Blanco comprobou o resultado das obras acompañado polo alcalde de Foz, Francisco Cajoto, a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez, e o xefe provincial de Costas, José Miguel Estevan. O delegado puxo de relevo que “a incorporación destes terreos para uso e desfrute dos veciños e veciñas tanto de Foz como da comarca da Mariña permitirá gozar desta senda peonil de preto de 1.600 metros, explorando novas franxas da costa e aproveitando os valiosos recursos naturais que ten este concello”.
O delegado quixo agradecer “a colaboración e o traballo do alcalde de Foz, Francisco Cajoto, co fin de continuar a transformar este concello nun lugar máis amable con atractivos turísticos que conviven en perfecta harmonía coa natureza”. Neste senso, o paso dos terreos a dominio público e a finalización das obras “evidencian a aposta do Goberno pola conservación e mellora da costa da Mariña, promovendo ademais un turismo sustentable e respectuoso co medio ambiente”.
Durante a visita, tamén repasaron algunhas das actuacións xa finalizadas, como a da recuperación do sistema dunar na Pampillosa, cun orzamento de 80.000 euros, e tamén outras que aínda están en marcha, en referencia ás melloras na praia de Llas cun investimento de máis de 320.000 euros.
Sendeiro peonil en Foz
As obras financiadas polo Goberno no litoral de Foz consistiron na creación dun sendeiro peonil entre as praias de Peizás e A Pampillosa, nuns terreos expropiados que pasaron a uso de dominio público para este fin.
Cunha lonxitude de 1.600 metros, o novo camiño permitirá o peche definitivo do paseo xa existente pola costa, entre a praia dos Fondás, na ría de Foz, e o interior da ría do Ouro. Estes novos traballos posibilitan un trazado continuado de paseo de preto de 15 km desde Barreiros ata A Pampillosa.