O Goberno local e a Plataforma Sanitaria da Mariña presentaron hoxe o cartel da concentración
Viveiro, 15 de novembro de 2023. O Concello de Viveiro e a Plataforma Sanitaria da Mariña presentaron hoxe o cartel da concentración que, baixo o lema ‘Paremos a destrución da Atención Primaria’, convócase este domingo, 19 de novembro, ás 11:30 horas diante do centro de saúde.
O goberno local e a plataforma fan un chamamento “ao conxunto da veciñanza para que acuda á concentración, en resposta á grave situación que está a sufrir a Atención Primaria na comarca e nomeadamente no Centro de Saúde de Viveiro”.
A situación é insistible, ao estar agora mesmo o centro de saúde con dúas facultativas de familia das sete que conforman a plantilla en quenda de mañá, que deben atender tamén as urxencias, polo que moitas citas de atención primaria quedan sen atender.
“Atopámonos diante da destrución do eixo principal da atención sanitaria, un servizo público esencial”, manifestaron a alcaldesa, María Loureiro, e a tenente de alcaldesa, Miriam Bermúdez.
O centro de saúde atópase tamén sen os dous pediatras de plantilla desde hai un ano, suplíndose esta eiva con dúas profesionais que se desprazan desde Lugo, entre outras carencias.
“Está en risco a saúde dos nosos veciños e veciñas, unha situación que non podemos permitir”, engaden.