O equipo de goberno fai un chamamento aos veciños e veciñas “para que presenten reclamacións”
Viveiro, 8 de novembro de 2023. O Concello de Viveiro considera “moi grave e insostible” a situación do centro de saúde da vila “pola falta de médicos de atención primaria e de pediatra”.
A alcaldesa, María Loureiro; a tenente de alcaldesa, Miriam Bermudez, e os concelleiros e concelleiras Jesús Fernández, Iria Cotelo e Lara Fernández Fernández-Noriega estiveron hoxe no centro de saúde e asinaron reclamacións pola situación.
“Non hai pediatra desde decembro do ano pasado e só hai dous médicos no centro de saúde, pero teñen que atender as urxencias e moitos días non son capaces de atender as citas de atención primaria”, advirte María Loureiro.
“Ademais, deben dar servizo aos veciños e veciñas de Vicedo e Ourol, polo que a atención sanitaria é moi deficiente e falamos dun servizo público prioritario”, engade Miriam Bermúdez.
O goberno local insiste en destacar “a gravidade da situación, está en risco a saúde dos nosos veciños e veciñas”, aos que demandan que “reclamen as deficiencias, que presenten reclamacións no centro de saúde para que a Consellería de Sanidade faga algo de forma urxente”.