“Debemos potenciar todas aquelas actividades de formación que melloren a empregabilidade dos nosos veciños e veciñas”, asegura Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba
Vilalba, 10 de novembro. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, asinou hoxe os contratos dos 16 alumnos e alumnas que participan no obradoiro de emprego ‘Terra Cha no Camiño III’, do que tamén forman parte dous monitores e unha directora.
Haberá dúas especialidades diferentes, ‘Organización e dixitalización do Arquivo Municipal de Vilalba’ e ‘Mantemento de xardíns e zonas verdes en Vilalba’, con 8 alumnos e alumnas cada unha.
“Aínda que non temos competencias directas en materia de emprego, os concellos debemos impulsar todas aquelas actividades de formación que melloren a empregabilidade e posibiliten a inserción laboral dos nosos veciños e veciñas”, asegura Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba.
Durante un ano, os alumnos e alumnas recibirán formación teórica e pràctica, e ao rematar o obradoiro obterán un diploma que acredita a súa nova cualificación profesional.