Dani Vega asegura que o Concello sempre estará ao carón destes colectivos
Ribadeo, 11 de novembro de 2023. O Concello asinou as subvencións nominativas do 2023 coas entidades sociais
O alcalde, Dani Vega, manifestou que “Ribadeo inviste nas entidades sociais para traballar conxuntamente, colaborar e dotar de orzamento. Firmamos as subvencións nominativas coas entidades sociais neste 2023. Coa Fundación Edes, que cumpre unha función no mundo da educación especial, acolle a moitos rapaces e rapazas de Ribadeo; tamén coa asociación de axuda ao enfermo mental A Mariña, colaboramos con moitas propostas e actividades e son os encargados de facer a cestiña dos arrolos; con Cáritas, que é o abrazo continuo ás persoas con problemas, que máis sofren e sempre atopan ese ombreiro de acollida e colaboración; e con Cogami, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, son exemplo de acoller, de entender e de colaborar”.
O rexedor subliñou que “o Concello sempre vai estar a carón destas entidades. Sodes un exemplo de traballo, eficacia e colaboración e sempre investindo no máis importante que é a persoa”.
O acto de firma tivo lugar no salón de plenos do Concello de Ribadeo. Ao mesmo asistiron o alcalde, Dani Vega, a concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, e o traballador social do Concello, José Luis Gegunde.