Foz, 7 de novembro de 2023. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, supervisou os traballos de mellora de camiños na parroquia de Cordido. Orzamentados en algo máis de 18.500 euros, os traballos consisten na limpeza de marxes, cunetas e tubaxes, a renovación de firme e a mellora de sinalización.
O rexedor municipal explica que “a semana pasada limpáronse as marxes de dous camiños que imos a mellorar na parroquia de Cordido. O vial que une a Fonte do Sixto coa estrada provincial a Moucide vaise aglomerar en quente e mellorar a sinalización con pintura en ambas marxes e sinais de stop. Tamén imos arranxar o camiño que une o Barral coa mesma estrada provincial na Fabega, que se encontra en moi mal estado; neste caso con aportación de pedra macadam e unha dobre rega asfáltica”.
Estes traballos están incluídos dentro das obras licitadas por procedemento de contratación aberta e adxudicadas a Excavaciones Ramsei SL, con cargo a fondos do Plan Único da Deputación de Lugo do exercicio 2023.
Por outra banda, o Concello de Foz informa que esta semana continuarán os traballos de limpeza de camiños en Ribela (Cangas) e en Trasmonte, de Nois, polo que se roga que se circule con precaución por estes puntos e pídense desculpas polas molestias ocasionadas.