Tamén se debatirá a implementación da fracción resto por parte da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e a adhesión ao Plan Estratéxico de Saúde do Ministerio, entre outros puntos
Neste novo pleno tratarase a aprobación inicial dunha nova ordenanza de tráfico, a implementación da fracción resto por parte da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e a adhesión ao Plan Estratéxico de Saúde do Ministerio, entre outros puntos.
A nova ordenanza de tráfico e a derogación da anterior debatirase coa fin de mellorar a fluidez nas vías urbanas, regular outros usos e actividades que afecten á circulación viaria, fomentar a seguridade e controlar as infraccións que se cometen polos usuarios.
A nova ordenanza recolle medidas para actuar con maior axilidade ante os abandonos de vehículos, e abre novos usos regulados para as zonas de carga e descarga que benefician ao comercio local e empresas que o utilizan para o seu traballo diario.
O texto a debate trata tamén o estacionamento regulado con limitación temporal, a concesión de vaos municipais, os VMT, as paradas de taxis, os VTC, etc. Presentarase así mesmo a rotulación dos novos vehículos e da oficina de atención ao cidadán.
No relativo á adhesión ao Plan Estratéxico de Saúde do Ministerio, proporase contar cunha mesa de traballo no Concello co obxectivo de “axudar á nosa poboación a coñecer os recursos que lles poden axudar e dinamizar calquera acción, programa, actividade que fomente a mellora na calidade de vida das persoas” sinala a alcaldesa Carmela López.
“Neste pleno trataranse temas de vital importancia para o desenvolvemento da vila e de gran interese para a veciñanza, que agardamos sexan acollidos de xeito favorable”, comenta tamén a rexedora. Na sesión tratarase así mesmo a aprobación das contas xerais e a corrección da errata da modificación de crédito do anterior pleno.