A charla sobre o programa piloto para a entrada en servizo do novo colector de recollida de biorresiduos terá lugar no salón de plenos e comezará ás 11:00 horas
Burela, 29 de novembro de 2023. O Concello de Burela está a preparar a implantación do contedor marrón de lixo a través dun programa piloto para o que quere contar cos hostaleiros como parte activa. Con esa fin, este venres, 1 de decembro, celebrarase unha reunión no salón de plenos á que están invitados todos integrantes do sector. O encontro está programado para as 11:00 horas.
O goberno local anima aos reponsables deste tipo de negocios a participar na recollida separada da fracción orgánica, xa que se trata dunha parte importante dos residuos que xeran. Dentro do plan para a entrada en servizo do novo colector, aspira a contar coa colaboración de hostaleiros que teñan interese en participar de xeito voluntario, e confía en que os establecementos se sumen de maneira maioritaria. Por ese motivo, a Administración local tratará de ofrecer, na medida do posible, un servizo adaptado ás necesidades de cada un deles.
A presenza de impropios (lixo doutra orixe) na fracción orgánica constitúe un problema para a calidade do compost que se vai elaborar a partir dos biorresiduos. Trátase dun dos condicionantes fundamentais para a súa recepción na planta de Cervo. Co fin de reducir os anteditos impropios, os colectores están dotados dunha pechadura mecánica. Ás persoas que participen de xeito voluntario no programa piloto entregaráselles unha chave, ademais de bolsas biodegradables.
O Concello de Burela lembra que o obxectivo de avanzar na economía circular e contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible relativos ao desperdicio alimentario non só obedece ao seu compromiso co medio ambiente, senón tamén a cuestións de carácter normativo. Así, confía en contar co compromiso de toda a hostalería na implantación das novas recollidas separadas.