Foz, 8 de novembro, 2023. Novembro é o mes do ano no que as actividades do Colexio comezan a funcionar xa a pleno rendemento. Aquí unha mostra dalgunhas delas:
O xoves 2 de novembro, os cursos de 3° e 4° de primaria tiveron a oportunidade de visitar as instalacións da Central Leiteira Río no polígono do Ceao en Lugo.
Durante esta visita, os noso alumnado puido mergullarse no fascinante mundo da produción de leite. Comezaron cun interesante vídeo que explicaba o proceso desde que o leite é extraído da vaca ata que chega ás nosas mesas.
Despois desta introdución, puideron botar unha ollada ás instalacións da factoría, manipular diferentes envases e mesmo tiveron a oportunidade de muxir unha vaca, o que resultou moi emocionante para todos.
Esta experiencia foi unha forma excepcional de conectar aos nosos nenos e nenas co mundo real e de ofrecerlles unha visión profunda de como funciona a industria láctea e o seu impacto nas nosas vidas. É un exemplo claro do compromiso do Grupo Lence coa educación e o futuro das novas xeracións.
Lence é un grupo familiar dedicado á alimentación desde 1975. O seu obxectivo principal é ofrecer aos seus clientes produtos e servizos cunha excepcional relación entre calidade e prezo, ao mesmo tempo que traballan na construción dun mundo máis saudable e sustentable. Para logralo, esfórzanse en proporcionar produtos de alta calidade, respectuosos co medio ambiente e co benestar dos animais, asegurando que os seus prezos sexan xustos e accesibles para o maior número de persoas posible.
Queda patente que ao mostrar ao alumando como funciona o sector lácteo e o seu papel en manter o entorno rural e a nosa soberanía alimentaria, están a construír as bases dun futuro brillante. Foi unha excelente oportunidade para aplicar na práctica os conceptos aprendidos na aula. Agradecemos esta oportunidade para permitirnos promover unha alimentación máis saudable e consciente e aprender sobre as prácticas agrícolas sostibles e a xestión de residuos.
Ao remate da visita, o noso alumnado foi obsequiado con diferentes produtos da central leiteira, o que engadiu un toque especial a esta emocionante experiencia educativa.
Ademais, o pasado venres 3 de novembro, o alumnado de 3° da ESO puido coñecer unha das xoias da nosa comarca: as Covas do Rei Cintolo. Esta actividade, ofertada polo Servizo Provincial de Deportes de Lugo, ten como obxectivo principal que o noso alumnado se poida achegar ao mundo da espeleoloxía.
A Cova do Rei Cintolo atópase a unha distancia de 6 quilómetros do Concello de Mondoñedo, na ladeira occidental do Monte Coto Redondo e dentro da parroquia de Argomoso. Destaca como a cova calcárea de maior tamaño en Galicia, cunha extensión total de 6.500 metros, dos cales 4.546 metros xa foron debidamente cartografiados.
Os pícaros, que entraron en dous grupos na Cova, coñeceron ben as diferentes formacións xeolóxicas e as curiosidades históricas grazas ás explicacións do guía que lles ensinou que a orixe deste tipo de covas que radica no afloramento dunha estreita franxa de rochas calcarias aproximadamente hai uns 530 millóns de anos. Ademais, a auga xoga un papel fundamental na súa formación, pois, en sucesivos episodios de disolución da rocha e posterior precipitación, dá forma a esta paisaxe denominada karst, caracterizada por galerías, estalactitas, estalagmitas, correntes subterráneas e outros elementos.
Tamén descubriron que a Cova presenta unha estrutura labiríntica con aproximadamente 7.000 metros de galerías, que o terreo de pizarra coas áreas de rocha calcárea confire á cova unha gran relevancia xeolóxica e que o desnivel máximo se achega aos 75 metros, con afluencias de auga no seu interior que dan lugar a varias lagoas e unha corrente subterránea coñecida como río Celtas, situado a un nivel inferior.
Tiveron tempo mesmo de indagar en varias lendas coas que conta esta formación.
Aínda que algún ía con certo medo axiña o perdeu porque a visita guiada pagaba moito a pena. Ao saír, os pícaros non paraban de dicir o moito que lles gustara a experiencia e que lles gustaría volver unha e outra vez. Ademais, coa axuda de Normando, os pícaros tamén coñeceron as diferentes formacións que se atopan á beira do río da Cova.
Xa nesta semana, o alumnado de 3° e 4° de primaria e de 3º e 4º da ESO participaron no día de onte nunha interesante charla sobre a recollida selectiva de orgánicos na nosa bisbarra. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense está a levar a cabo unha campaña de concienciación para informar sobre a recollida selectiva de residuos orgánicos que se implantará no concello de Foz nos vindeiros meses a través de contedores de cor marrón.
Reducir, reciclar, reutilizar e recuperar enerxeticamente, a norma dos catro R que cómpre ter en conta desde moi pequenos.
Estiveron moi atentos a todo canto dixo a poñente Cristina Cabana. Entre outras cousas, explicoulles con minuciosidade que no contedor de cor marrón verteremos residuos de orixe orgánica, e que a maior parte dos residuos que se depositan nestes contedores son restos de comida, aínda que tamén se poden desbotar restos de poda e plantas. Tamén os informou da importancia de evitar a inclusión de materiais non axeitados para poder obter fertilizante de calidade. Ademais, indicou que os residuos orgánicos depositados no contedor de cor marrón son recollidos polos servizos municipais e transportados a unha planta de tratamento biolóxico, onde serán transformados en compost ou biogás. Ao final houbo unha rolda de preguntas na que todos participaron.
Seguro que nos próximos días encherán de información detallada cada un dos seus fogares.
A “saúde” medioambiental empeza nas primeiras idades. Por eles, por nós.
E este curso non fixo máis que comezar!