O Grupo Municipal do Bng e o deputado Daniel Castro reúnense cos familiares de usuarios do Centro San Rafael
Esta realidade provoca, por exemplo, que as comidas non poidan ser dispensadas ás horas axeitadas, chegando a pasar máis de 14 horas entre inxestas. A isto debe sumárselle o feito de que as coidadoras ademais de atender aos residentes deben contestar ao teléfono e saír ao exterior para abrir a verxa de acceso.
Por se fose pouco o reflexado, tamén se ten constatado que o centro carece do obrigado servizo de enfermería durante a fin de semana e a calidade da comida ofrecida vén diminuíndo desde hai tempo.
E dentro desta espiral de deterioro do servizo ofrecido os e as familiares dos residentes topáronse recentemente con dúas noticias. A primeira ten que ver con que a todas estas deficiencias temos que sumar o feito de que a Asociación Edad Dorada Mensajeros de la Paz del Noroeste decidiu incrementar o prezo mensual da residencia até chegar aos 1900 euros mensuais. “A este incremento sen precedentes, que pode chegar a ser de até 700 euros, tamén lle debemos engadir que a Xunta de Galiza vai contratar prazas de carácter público neste centro, polo que os familiares entenden, ao igual ca nós, que a administración pública ten que garantir que estas deficiencias sexan solventadas e que o servizo mellore” afirmou o deputado mariñao.
Vellez digna e con dereitos. É necesario un novo modelo de residencias centrado na atención integral ás persoas usuarias
“Diante de toda esta situación está claro que as administracións deben intervir, por eso levamos a Parlamento varias preguntas do obxecto de que a Xunta se implique na solución desta problemática” afirmou Daniel Castro, que recordou tamén a postura da súa formación a respecto das residencias de maiores, afirmando que é necesario un novo modelo de residencias públicas centrado na atención integral ás persoas usuarias para que disfruten dunha vellez digna e con dereitos.
Do mesmo xeito, os representantes municipais do Bng, Eloi Cabanas e Pepa Carballeira instarán ao concello a tomar cartas no asunto. “Non nos parece de recibo que desde o concello de Mondoñedo non se houbera dado resposta ás demandas dos familiares dos usuarios e usuarias, polo que instaremos ao goberno municipal para que sexa parte activa na solución deste problema, como lle corresponde, tanto por responsabilidade na parte que lle toca, coma por ser a administración máis próxima ao cidadán” afirmou Cabanas.