O Grupo Municipal do Bng e o deputado Daniel Castro reúnense cos familiares de usuarios do Centro San Rafael
A Mariña, luns 6 de novembro 2023. No centro residencial San Rafael de Mondoñedo están a sufrir desde hai preto de un ano unha serie de deficiencias que puxeron en alerta aos familiares dos propios residentes, polo que o concelleiro portavoz do Bng en Mondoñedo, Eloi Cabanas, a concelleira Pepa Carballeira e o deputado no Parlamento Daniel Castro reuníronse cos familiares de usuarios e usuarias desta residencia. Estes familiares veñen sinalando que incluso o inmobiliario do centro se atopa en condicións deplorables que poden poñer en risco a integridade física dos e das residentes. Alén disto, os familiares trasladaron tamén aos representantes do BNG que se constatou unha evidente falta de persoal, xa que nin as baixas, nin as vacacións son cubertas polo centro, o que provoca que as persoas residentes non poidan ser atendidas cuns mínimos de calidade, algo que se pode evidenciar ao sabermos que soamente dúas profesionais atenden aos case 50 residentes, todo isto nun edificio extremadamente grande e incómodo.
Esta realidade provoca, por exemplo, que as comidas non poidan ser dispensadas ás horas axeitadas, chegando a pasar máis de 14 horas entre inxestas. A isto debe sumárselle o feito de que as coidadoras ademais de atender aos residentes deben contestar ao teléfono e saír ao exterior para abrir a verxa de acceso.
Por se fose pouco o reflexado, tamén se ten constatado que o centro carece do obrigado servizo de enfermería durante a fin de semana e a calidade da comida ofrecida vén diminuíndo desde hai tempo.
E dentro desta espiral de deterioro do servizo ofrecido os e as familiares dos residentes topáronse recentemente con dúas noticias. A primeira ten que ver con que a todas estas deficiencias temos que sumar o feito de que a Asociación Edad Dorada Mensajeros de la Paz del Noroeste decidiu incrementar o prezo mensual da residencia até chegar aos 1900 euros mensuais. “A este incremento sen precedentes, que pode chegar a ser de até 700 euros, tamén lle debemos engadir que a Xunta de Galiza vai contratar prazas de carácter público neste centro, polo que os familiares entenden, ao igual ca nós, que a administración pública ten que garantir que estas deficiencias sexan solventadas e que o servizo mellore” afirmou o deputado mariñao.
Vellez digna e con dereitos. É necesario un novo modelo de residencias centrado na atención integral ás persoas usuarias
“Diante de toda esta situación está claro que as administracións deben intervir, por eso levamos a Parlamento varias preguntas do obxecto de que a Xunta se implique na solución desta problemática” afirmou Daniel Castro, que recordou tamén a postura da súa formación a respecto das residencias de maiores, afirmando que é necesario un novo modelo de residencias públicas centrado na atención integral ás persoas usuarias para que disfruten dunha vellez digna e con dereitos.
Do mesmo xeito, os representantes municipais do Bng, Eloi Cabanas e Pepa Carballeira instarán ao concello a tomar cartas no asunto. “Non nos parece de recibo que desde o concello de Mondoñedo non se houbera dado resposta ás demandas dos familiares dos usuarios e usuarias, polo que instaremos ao goberno municipal para que sexa parte activa na solución deste problema, como lle corresponde, tanto por responsabilidade na parte que lle toca, coma por ser a administración máis próxima ao cidadán” afirmou Cabanas.