Ribadeo, 7 de novembro, 203. O BNG de Ribadeo esixe ao actual equipo de goberno que se deixe de contos e cumpra co seu cometido. “Como gustaba de dicir el antes, -gañe o seu salario, señor alcalde-. Daniel Vega agasállanos de novo cun feixe de comunicados, a cada cal máis imaxinativo, nos que tanto se gaba de cousas xa aprobadas e preparadas polo anterior goberno, como busca mil e un pretextos para acusar ao BNG de todos os males que nos axexan. E agora, ademais, dá un salto cualitativo e usa as redes sociais do concello, que pagamos entre todos os cidadáns e cidadás ribadenses, para facer propaganda de actos partidarios”.
“De novo volve sacar o tema das obras do Hospital Asilo (en realidade do retraso do comezo das obras do Hospital Asilo) para dicirnos que van empezar as obras xa. Levamos cinco meses escoitando que van empezar as obras xa. Si: señor Vega, cinco meses de retraso, póñase como se poña. Cinco meses nos que as e os usuarios están en residencias nas que non se senten como na casa, en Ribadeo, porque a vostede veulle a présa por retrasar o comezo das obras a saber con que escuros intereses. Son cinco meses de máis que van tardar en volver á beira dos seus familiares”.
“Por certo, onde van os 700.000€ que vostede dixo que se comprometía a conseguir da Xunta para a reforma do Hospital Asilo? Verá, buscando no proxecto de orzamentos para o ano 2024, como moito vemos que, para toda a provincia de Lugo, tan só hai 840.980€ para reformas de residencias de anciáns. E son varias as residencias que están en situación de necesitar ser reformadas. Non vemos eses 700.000€ por vostede comprometidos se é que hai que repartir esa contía entre varios concellos da provincia de Lugo. Por non falar dos 200.000€ para licitar proxectos para centros de saúde. Tal e como está a sanidade galega non creo que sexa o de Ribadeo o único que haxa que construír. 200.000€ para toda Galiza. Que gran conseguidor!”.
“Tamén se sumou a presumir das obras de reforma do Forte de San Damián dándose aires de grandeza comentándonos que está moi preocupado polo futuro de ditas instalacións. Quen non? Por iso o anterior goberno conveniou coa Deputación Provincial de Lugo a súa reforma. A Xunta nin estaba nin era agardada. Coma sempre. Pero agora aí está vostede, como se fora auga de maio, para mostrarnos o eficaz que é xestionando orzamento para Ribadeo. Mesmo se permite dicir que non lle importa de onde veña. Madia leva! Pouca vergonza e moita ousadía”.
“Moita ousadía tamén para presumir de inaugurar unha biblioteca que xa existía. Mire, señor Vega, é normal que vostedes consigan facer algunhas cousas. Faltaría máis. Pero é tal a carraxe que teñen despois de tantos anos na oposición, que agora queren borrar do mapa á súa oposición, restándonos tempo nos plenos e negando o que o anterior goberno fixo. Neste caso, querendo aparentar que vostedes fixeron da nada a biblioteca de Cinxe. Os veciños veciñas desa parroquia ben saben con que instalacións contaban antes. E dámoslles os parabéns se foron quen de melloralas tamén agora no seu mandato. Pero non nos queira facer parvos. O local estaba alí. Alí había fondos bibliográficos. E se agora aumentou o número de volumes, pois moito mellor para todos e todas”.
“Felicitacións para a xente amante da lectura. Pero, insistimos, non presuma tanto, que non se lle vaia a man desa maneira. Resulta chocalleiro”.
“Pero Daniel Vega segue a botar man das redes sociais e veña a lanzar comunicados e máis comunicados nos que nos quere facer ver que todo o que hai en Ribadeo é porque el o xestionou. Como siga así, até vai buscar a maneira de aparentar que temos a Torre dos Moreno grazas á súa xestión. E neste frenesí comunicativo miren por onde, atopámonos con que xa non lle importa ao PP usar as redes sociais do concello para publicitar os seus propios actos políticos. Hai que ter conta que nun acto de partido actúase como militante dese partido, por moi alcalde que un sexa do seu concello. Aquí si que foi eficiente o señor Vega: apropiouse plenamente das redes sociais do concello e deu a coñecer as propostas políticas do PP en materia de comunicación ferroviaria. Na foto estaba boa parte da plana maior do PP comarcal e provincial. E tan campantes no PP de Ribadeo! Iso si: a boas horas! Cantas veces non ten votado o PP en contra de propostas do BNG reclamando a mellora do transporte por ferrocarril na Mariña; xa fose en Santiago ou en Madrid (cando gobernaban eles), o PP sempre botaba abaixo as nosas propostas de mellora”.