Ribadeo, 20 de novembro, 2023. “Ante tanta mentira e tanto oportunismo, tanta media verdade e tan pouco sentido da ética, o BNG de Ribadeo non pode máis que lembrar a figura de Teresa González Piñeiroa, concelleira de Saúde e Servizos Sociais no mandato 2011-2015, período no que, entre outras moitas cousas, puxo en marcha una proposta que levabamos no programa electoral: crear un servizo de préstamo de material ortoprotésico. Ben se pode consultar na hemeroteca”.
“O seu enorme esforzo, a súa gran capacidade de traballo, e o seu saber dialogar con todos os sectores implicados, permitiulle desenvolver un servizo que era pioneiro na nosa contorna. Foi un servizo que se consolidou ao longo dos diferentes mandatos e que supuxo un grande alivio para as familias que se viron na obriga de facer fronte a unha situación tan complicada, material e emocionalmente, como poder atender con dignidade un ser querido que precisa de material ortoprotésico para facer máis levadía a vida tanto del mesmo como da súa familia”.
“Pero hai quen quere aparentar que a vida comezou neste mandato. Tal e como decote adoita facer o señor alcalde, agora resulta, segundo o actual equipo de goberno, que foi Daniel Vega, quen logrou poñer en marcha este servizo de préstamo ortoprotésico. Unha vez máis, incapaces de dicir con seriedade e rigor que dito servizo segue en marcha, empéñanse en magnificar unha noticia negando a existencia de todo o traballo feito polo anterior goberno. O actual mandatario municipal non ten medida: a este paso, váisenos presentar como o arquitecto que deseñou a praia das Catedrais”.
“Foi tamén Teresa González Piñeiroa quen puxo todo o seu empeño para sentar as bases da que sería a nosa residencia de persoas maiores da que tan orgullosos e orgullosas nos sentimos. Foi un traballo en equipo que tivo como alicerce fundamental para a súa posta en marcha, todo o estudo de viabilidade e necesidade de dito servizo. Esa residencia foi desprezada polo señor Feijoo, por boca da súa conselleira de Traballo e Benestar, dicindo aquela famosa frase, en reunión con representantes veciñais ribadenses, de que a residencia de Ribadeo non era un compromiso persoal seu”.
“Ese foi o seu pecado capital: o desprezo do goberno do Partido Popular ao pobo de Ribadeo non sumándose ao esforzo colectivo da posta en marcha dese proxecto tan ilusionante. E agora, o pecado capital que vostedes cometen, señor alcalde, é a falta de recursos para apoiar a reforma integral do hospital asilo: seguimos sen saber que cantidade vai achegar a Xunta para dita obra. E pretenden disimulalo con propaganda e máis propaganda. Por iso insisten tanto con tanta publicidade e tanto negacionismo cara ao traballo feito polos anteriores equipos de goberno do BNG de Ribadeo. Porque teñen moito que tapar da súa inoperancia e do desleixo do actual goberno da Xunta cara a Ribadeo”.