“Retraso na convocatoria dos plenos, retraso no comezo das obras do Hospital Asilo… Non é de estrañar: cando se dedica máis tempo a especular con como podería ter sido a negociación da reforma de edificios emblemáticos de Ribadeo, ou a difundir insinuacións sobre o anterior goberno, despois bótasenos o tempo enriba e non damos preparado a convocatoria dos plenos ordinarios, ou temos que convocar á oposición de forma extraordinaria a través dos medios de comunicación”.
“Así foi como soubo o noso grupo municipal que ía haber pleno extraordinario este xoves dezaseis ás oito da tarde: lendo o xornal o mércores pola mañá. E non vale a escusa de que, como era pouco o que había que tratar, tampouco facía falta tanto tempo para preparar o pleno. O señor alcalde quere reducirnos o tempo de intervención nos plenos, pero semella ter a intención de, pouco menos, duplicar o número de plenos. Non se entende moi ben. Hai algo que non cadra. Non vemos ningunha razón obxectiva para que, podendo abordar un punto nun pleno ordinario, se force a convocatoria doutro extraordinario porque non se dá convocado o pleno ordinario que tocaba a principios de mes. Aumenta descontroladamente o gasto en determinadas partidas, aumenta o número de plenos… Cando se vai introducir un mínimo de racionalidade na vida do concello?”.
“Pero, sobre todo, cando vai deixar o señor alcalde de especular co traballo feito polo anterior goberno? Cando vai deixar de encirrar sobre o labor político do anterior goberno e do BNG, o partido que o sustentaba? Cando vai deixar de presumir do que outros fixemos anteriormente e nos vai dar a coñecer os seus proxectos? Cando nos vai comunicar a cantidade de diñeiro que a Xunta vai poñer a disposición do Concello de Ribadeo para reformar integralmente o Hospital Asilo? Cando van empezar de verdade as obras do Hospital Asilo? Xa van cento sesenta e dous días coa xente maior de Ribadeo lonxe da súa casa, nunha residencia que lles é estraña, e non se lle ve trazas ao asunto: moito carteliño e moito conto, pero movemento ben pouco. Esperte, señor Vega! E déixese de lerias e de comenencias”.