O conselleiro presentou como novo o helicóptero con base en Viveiro cando en realidade só está “recentemente pintado” e leva 8 anos facendo substitucións
Santiago de Compostela, 14 novembro, 2023. A deputada do BNG Rosana Pérez acusou este martes á Consellería do Mar de permitir que a empresa adxudicataria dos helicópteros do Gardacostas de Galiza actúe “con total impunidade” ao “incumprir gravemente” o contrato “unha e outra vez” dun servizo que, lembrou, ten entre outros cometidos o de salvar vidas.
“A Xunta de Galiza segue permitindo os incumprimentos e segue sen esixir o cumprimento escrupuloso do contrato e responsabilidades polo reiterado e descarado modus operandi da empresa”, asegurou, lembrando que “os galegos e as galegas vimos de pagar máis de 51 millóns de euros a Avincis nos últimos anos por un servizo que non prestou, nin presta, nas debidas condicións”.
Con estes antecedentes, denunciou, a Xunta do PP vén de adxudicarlle á mesma empresa o servizo por case 58 millóns, “pero por helicópteros con moitas menos prestacións”. “É incríbel”, considerou Rosana Pérez, que durante a súa intervención na Comisión 8ª referiuse como exemplo da súa denuncia ao helicóptero que a Xunta vendeu como “novo” durante a recente visita que o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, fixo á base do Servizo de Gardacostas en Celeiro. En realidade, trátase dun helicóptero que é “un vello coñecido” do Servizo porque leva oito anos facendo as substitucións da aeronave titular, “só que agora está recentemente pintado”.
“O que antes tiña problemas sendo helicóptero de substitución, agora puido ser ascendido a titular por obra e graza dun prego de prescricións técnicas que rebaixa as condicións”, engadiu a deputada do BNG, para quen o recorte nas prestacións dos helicópteros que supón o novo contrato “feito a medida” é un “auténtico escándalo”, máis cando vai saír máis caro: 11,2 millóns de euros ao ano e un total de 57,7.
Segundo o fabricante, o helicóptero en cuestión, o AW139, acada os 4,98 metros de lonxitude, pero a porta do hangar de Celeiro mide 4,60, cifras que demostran un dos incumprimentos aos que se referiu Rosana Pérez, pois xa o anterior contrato obrigaba á adxudicataria a acometer as obras necesarias para poder acceder aos hangares. Ademais, o helicóptero só ten unha grúa, cando debería ter dúas, tal e como se establece nas especificacións técnicas esixidas no prego do contrato anterior. No novo “prego a medida”, xa só se esixe unha grúa, lamentou Pérez Fernández.
Neste momentos, lembrou a deputada do BNG, existe unha denuncia xudicial aberta motivada pola denuncia polo penal dun traballadora que puxo en risco a súa vida nunha manobra precisamente porque o helicóptero só contaba cunha grúa.
A pesar dos incumprimentos reiterados, entre os que figura tamén o de manter inactivo o helicóptero máis tempo do permitido, as sancións á empresa son “escandalosamente ridículas”, como as tachou a deputada nacionalista en relación aos 200 euros diarios dos que “presume” a Consellería do Mar. “Contratos millonarios que non se cumpren nin se vela para que se cumpran e faise un lavado de cara con sancións diarias de 200 euros nun contrato que superou os 51 millóns”, afirmou durante unha pregunta parlamentaria á secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas.
Rosana Pérez emprazou á Consellería do Mar a facer cumprir as condicións do contrato e a rematar coa “impunidade absoluta” coa que vén actuando a empresa. Instou ademais ao Goberno do PP a valorar a xestión pública do Servizo de Gardacostas de Galiza porque, advertiu, “o último contrato, igual que os anteriores, estanos saíndo realmente caro a todos os galegos e galegas”