Esta semana vimos de conmemorar o 25N: Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Un ano máis dende todos os lugares do mundo puxémonos en pé para dicir BASTA a unha das violacións dos dereitos humanos máis extendida, devastadora e persistente: a violencia contra as mulleres e nenas.
Porque si, ás mulleres continúan a matarnos polo simple feito de ser mulleres; e a discriminarnos, infravalorarnos, controlarnos, agredirnos, violarnos… e facernos crer dende ben cedo que así está ben, que esta é a orde establecida para manter o equilibrio de sociedades construídas por e para os homes.
Neste contexto, e por desgraza una vez máis, o goberno do PP do Concello de Ribadeo deixou patente que non ten ou a vontade ou a capacidade (iso xa é outro debate) para promover políticas de Igualdade á altura do enorme desafío que representan as violencias machistas.
Presentáronnos para este día un programa descafeinado, nesta dinámica xa tan súa de “facer que facemos”, reutilizando proxectos doutros anos como as historietas contra a violencia machista que os alumnos e alumnas dos centros de ensino ribadenses idearon hai tres cursos. Non se lles ocorría nada novidoso? Ou non interesa?.
A programación dirixida aos centros escolares deste ano consistiu na visualización da película “Matria”, unha longometraxe só apta para os cursos superiores, pola que o alumnado asistente tivo que pagar o que lle chamaron un precio simbólico. O que é un precio simbólico para unhas persoas pode ser motivo de discriminación para outras e, nos tempos que corren, un esforzo máis para moitas familias. Isto pode darnos unha idea da importancia real que este goberno lle dá ao 25N: un goberno ao que non lle importa malgastar diñeiro público en gorras, carpas e luces, pero que pecha o peto para a formación en igualdade da mocidade.
Só un pequeno apunte máis: en Compostela, a mesma proxección, promocionada tamén para este día polo seu partido político como acto estrela a nivel galego, foi de balde.
Trouxéronnos tamén unhas xornadas de defensa persoal feminina anunciadas nun cartaz que nos chamaba a converternos en superheroínas de cintura fina e curvas voluptuosas, perpetuando estereotipos afastados da diversidade que nada nos axudan ás mulleres, e depositando de novo en nós a responsabilidade: “Empodérate e protéxete”. Unha vez máis somos nós as que nos temos que protexer, que “non debería pasar pero pasa”, como dicía a Xunta de Galicia na súa polémica campaña do ano pasado.
No ano 2023 xa nos deberíamos ter separado deste discurso resignado para empoderarnos de verdade e apostar pola única forma posible de acabar coa violencia machista: a educación. Educación en igualdade para non ter que vivir con medo e a protexernos, para entender que o único que ten que asumir responsabilidades nunha agresión machista é o home que a perpetra.
Que saber zafarnos se alguén nos ataca está ben? Por suposto. Que hai moitas cousas que aprender antes? Tamén. Como a ter un pouco máis de tino, e manter o anonimato das asistentes a este tipo de cursos e xornadas, mulleres das que non sabemos o contexto persoal que as leva a participar, e que non teñen que someterse á exposición pública gratuita só para que o goberno do PP sume unha foto máis ó seu álbum de recortes.
A loita contra a violencia machista debe ser contundente e efectiva dende as administracións. Alén de dispoñer das estruturas e capacidades para dar resposta a todas as mulleres que o poidan precisar, un Concello debe asumir de maneira exemplar o labor de sensibilización e concienciación da sociedade, debe poñer temas concretos enriba da mesa, non perderse en xeneralidades e simbolismos que non se recordarán o mes que vén. As actividades que se programen para este día deben ser meditadas e ter un propósito, deben remover conciencias, deben facernos pensar, deber ter visibilidade e proxección durante o resto do ano. Hai que profundizar, traballar e posicionarse; só con bos desexos non se consegue nada.
Involucrar e facer partícipe a sociedade é a base para que os programas teñan seguimento, para que a poboación sexa consciente da magnitude do que se conmemora un 25 de novembro e se movilice para participar. Nada se fixo neste sentido este ano, quedando patente na pouca afluencia a varios dos actos.
A única forma posible de atallar a violencia contra nenas e mulleres pasa pola formación e educación en igualdade, dende os máis cativos ata nós os adultos, que debemos ser exemplo cada día e saber corrixirnos e recapacitar se algunha vez non o somos.
Señoras e señores do PP de Ribadeo, por todas nós, póñanse as pilas.
Raquel Ferreira Álvarez
Concelleira da área de Igualdade do BNG de Ribadeo.