Site icon Crónica3.com A Mariña

Nunha visita á base de Gardacostas en Celeiro, Villares aposta por mellorar a seguridade no mar reforzando os medios marítimos e aéreos

O conselleiro visitou na localidade lucense o Augusta AW-139 que substituíu ao Sikorsky S-76 que viña prestando o servizo ata o pasado 1 de novembro coa entrada en vigor do novo contrato

Viveiro, 13 de novembro de 2023. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a mellora dos medios aéreos e marítimos de Gardacostas e denunciou a negativa do Goberno central a financiar o servizo que sufraga a Xunta de Galicia en solitario. O titular de Mar fixo estas manifestacións acompañado polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, e pola xefa territorial de Mar en Celeiro, María del Carmen Gueimunde, durante unha visita á base do organismo autonómico en Celeiro, no concello de Viveiro, onde se atopa o helicóptero Augusta AW-139 que substitúe o Sikorsky S-76 que viña prestando o servizo ata o momento.

O conselleiro sinalou que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun servizo propio de Gardacostas ao que dedicará o vindeiro ano 30,2 millóns de euros, o que supón un incremento do 12,3%. Un esforzo orzamentario que asume en solitario o executivo autonómico a pesar de que o Estado non dispón dos medios aéreos e marítimos suficientes para actuar dentro das súas competencias polo que resulta indispensable a actuación de Gardacostas de Galicia en moitos operativos. Alfonso Villares defendeu por este motivo que debería ser sufragado integramente con fondos estatais.

O titular de mar enxalzou o traballo que realizan os 132 profesionais que compoñen a plantilla as 24 horas os 365 días do ano ao longo de todo o litoral galego e que durante os seus máis de 30 anos de historia salvou a vida de máis de 1.800 persoas, facendo fronte ademais á contaminación, protección da contorna mariña e loita contra o furtivismo. Ata setembro este departamento este servizo autonómico participou en máis de 60 intervencións de salvamento, que se engaden ás máis de 90 do conxunto de 2022.

As causas máis comúns destas operacións realizadas con medios aéreos e/ou marítimos son as evacuacións médicas de pasaxeiros ou tripulantes en buques e o seu traslado aos centros hospitalarios, a procura e rescate de persoas desaparecidas ou en perigo en terra ou mar, labores de busca sobrevoando embarcacións á deriva e traballos de remolque doutros barcos por avarías ou outros problemas de navegación.

O responsable de Mar tamén visitou no porto de Celeiro a patrulleira Punta Promontoiro que entrou en servizo no 2019 subsituíndo á patrulleira Xistral como parte da renovación da frota que esta a levar a cabo a Consellería do Mar nos últimos anos cun investimento acumulado de máis de 10 M€, o que permitiu a fabricación e posta en servizo de catro novos buques.

Futuras inversións

O goberno galego ten previsto para o vindeiro ano a licitación da fabricación de dúas novas patrulleiras lixeiras por un importe de 1,57 millóns de euros e a renovación do parque móbil coa adquisición de sete vehículos todo camiño. Inversións que veñen a dar continuidade ao traballo realizado co obxectivo de mellorar e modernizar os medios aéreos, marítimos e terrestres cos que conta este organismo para prestar o mellor servizo á sociedade galega.

Exit mobile version