Na apertura da xornada, que tivo lugar no salón de actos de Armadores de Burela, participaron o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Antonio Basanta; o subdirector xeral de Pesca da Xunta de Galicia, Pedro Riveiro; e Sergio López, xerente de OPP Burela. O acto dividiuse en 3 bloques temáticos atendendo ao propio título da xornada.
Na primeira parte da xornada tratáronse temas relacionados coa administración pesqueira. Por un lado, a aplicación da obrigación de desembarque na xestión pesqueira nacional e europea, que correu a cargo da xefa de área da Subdirección Xeral de Caladoiro Nacional e Augas Europeas do MAPA, María Concepción García Gómez. Centrouse na presentación do último acto delegado da UE publicado este mes no DOUE e que estará vixente os próximos 3 anos, así como as exencións previstas.
Noutra intervención tratáronse as principais novidades do novo regulamento de control europeo e as previsións para a implantación dos sistemas de monitorización e control a distancia, na que interviñeron a subdirectora xeral de Vixilancia e Loita contra a Pesca Ilegal do MAPA, Aurora de Blas, e a xefa da área de control, Noemí Munguía, explicando con detalle as principais novidades normativas: dixitalización, marxe de tolerancia, modificacións nos preavisos de chegada a porto, dispositivos de medición de potencia de motores, e o cumprimento da OD a través dos circuítos pechados de TV ou cámaras.
A segunda parte da xornada centrouse en diferentes proxectos de selectividade de artes e sustentabilidade nos que colabora a OPP Burela, como Redipesca 2023, proxecto sobre o impacto nos fondos, así como de aforro de consumo na frota de arrastre de litoral de Burela. Presentaron os resultados dste proxecto Julio Valeiras, do Instituto Español Oceanografía e coordinador do proxecto, e José Carlos Fernández, técnico do IEO que realizou as tarefas de observación e medición a bordo.
Finalmente, Julio Sánchez, responsable da consultora Imbatia, presentou un avance dun novo proxecto de OPP Burela sobre a aliñación dos seus proxectos cos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).
Como en anos anteriores, a xornada finalizou cunha degustación gastronómica de especies con alto potencial de comercialización, como o sabre negro, o congro, a bertorella, a cabra de altura, a raia, o xurelo ou a caella, servindo como exemplo de aproveitamento gastronómico e valorización de produtos pesqueiros das capturas das diferentes frotas da OPP Burela.
Esta actividade, que se realizou en colaboración con ABSA, está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, e incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á rastrexabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.