A proxección terá lugar a partir das 20:00 horas no salón de actos do Centro Cívico, sendo a entrada gratuíta até completar aforo. Este evento é posible grazas ao ámbito de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que financiou a emisión deste documental en doce localidades da provincia lucense, e á asociación sociocultural Mariña Patrimonio.
Ao rematar o documental, haberá un coloquio no que participarán o director de ‘Xove, Democracia Nuclear’, o actual alcalde de Xove e mais Francisco Luis Rodríguez Guerreiro, unha das persoas vinculadas ao nacionalismo galego que aparece no documental e que participou activamente nas mobilizacións.
‘Xove, Democracia Nuclear’ chega á localidade de Xove despois de terse proxectado en Burela, Viveiro, Cervo, Vilalba, Sarria e O Valadouro. Ademais, antes de rematar o ano tamén se proxectará en Barreiros, O Vicedo, Ribadeo e Lugo.
‘Xove, Democracia Nuclear’ forma parte do proxecto a nivel nacional ‘Democracia Nuclear’, que ten como obxectivo recuperar as historias das diferentes mobilizacións antinucleares xurdidas en España nos anos setenta. Neste sentido, hai uns meses xa se estreou nos cines ‘Coyanza-1975, Democracia Nuclear’, o documental que narra o acontecido na provincia de León en 1975 cando se soubo da intención do Réxime de construír unha central nuclear en Valencia de Don Juan.