Site icon Crónica3.com A Mariña

“Non apartes o teu rostro do pobre”. Escrito pastoral do bispo diocesano co gallo da Xornada Mundial de los Pobres 2023

A pobreza ten hoxe moitos rostros. Refírese a todas as realidades de vulnerabilidade e exclusión, de sufrimento e dependencia, de inxustiza e fraxilidade que existen ao noso ao redor. Por desgraza, nunca está lonxe de nós. Entre estes rostros dos pobres están os que non teñen o necesario para levar unha vida digna, aqueles que carecen de medios económicos básicos. Pero tamén os que teñen que fuxir dos seus países para non seguir sometidos á pobreza, á violencia, á guerra ou á fame; os que sofren abusos e violencia, especialmente as mulleres; as persoas que sofren adiccións; o mundo do cárcere e do senfogarismo; as vítimas de trata, da explotación e do racismo; as minorías excluídas ou os anciáns abandonados; os traballadores que non ven recoñecido o seu dereito a un traballo digno; as persoas, especialmente novas, que sofren unha pobreza espiritual porque se atopan sós ou non descobren sentido á súa vida, nin atoparon ao Deus “amigo da vida”…

Son rostros de persoas concretas, veciños nosos que habitan nas nosas mesmas cidades e aldeas. Nunha sociedade profundamente desigual e individualista, que acrecenta escandalosamente as diferenzas económicas e sociais, que busca asegurar o benestar e silenciar o que poida desasosegar a nosa plácida comodidade, por que fixarnos hoxe nos pobres e poñelos no noso punto de mira? Por que, como nos convida sabiamente a Escritura, non debemos apartar o noso rostro do pobre? Ten sentido dedicar, como fai a Iglesia, unha xornada para fixarnos nos pobres?

Para os cristiáns, a resposta a estas preguntas vai máis aló da necesaria solidariedade que aniña no corazón de todo ser humano. Non se trata tampouco dun xesto de puro altruísmo nin de xustiza que xorde da urxencia de construír sociedades centradas na persoa. Para os cristiáns, na nosa relación cos pobres atópase a esencia e o contido central do Evanxeo. Como nos lembra o papa Francisco, “estamos chamados a descubrir a Cristo neles, a prestarlles a nosa voz nas súas causas, pero tamén a ser os seus amigos, a escoitalos, a interpretalos e a recoller a misteriosa sabedoría que Deus quere comunicarnos a través deles”.

En efecto, os pobres son esa próxima e andante “tenda do encontro”, como a que utilizaba Moisés no deserto, para atoparse co mesmo Deus. E ao atoparnos con Deus saberemos mellor quen somos. O libro do Éxodo dinos que, cando acudía a esta tenda, o seu rostro transformábase naquel lugar sacro penetrado pola súa presenza. Da mesma maneira, nos pobres os crentes atopámonos co propio Xesús que con eles se identifica. Por iso, a opción polos pobres non é arbitraria, senón consecuencia de nosa mesma fe cristolóxica.

Durante esta semana tiven a sorte de visitar diferentes realidades e entidades que están preto destas periferias humanas. Agradezo e recoñezo o seu empeño por escoitar, acoller, visibilizar, axudar a tantas persoas. Como di o papa Francisco, “o interese polos pobres non se esgota en esmolas apresuradas, esixe restablecer as xustas relacións interpersoais que foron afectadas pola pobreza”. Nese sentido, todo esforzo é pouco por facer unha sociedade máis inclusiva, xusta e acolledora que traballe polos dereitos de todos. Xunto a iso, a proximidade aos máis pobres hanos de levar ao don e o compromiso de vivir a pobreza e de servir aos pobres.

A Xornada Mundial dos Pobres interróganos a todos, pero especialmente aos cristiáns. Nese sentido, parécenme interesantes estas palabras de Francisco que critica aos “cristiáns que comentan, debaten e expoñen teorías, pero non coñecen polo seu nome nin sequera a un pobre, non visitan un enfermo desde hai meses, non deron para comer ou vestiron a ninguén, nunca estreitaron amizade cun necesitado esquecendo que o programa do cristián é un corazón que ve”. Este ha de ser o noso empeño.

O voso irmán e amigo.

Fernando García Cadiñanos
Biispo de Mondoñedo-Ferrol

Exit mobile version