Daniel Vega anunciou que os orzamentos de 2024 serán os máis sociais da historia de Ribadeo
Ribadeo, 25 de novembro de 2023. Máis de 240 persoas asistiron este sábado á comida de Nadal do Partido Popular de Ribadeo. Na súa intervención o alcalde, Dani Vega, referiuse ás melloras realizadas para ter un Ribadeo máis limpo ou á recollida de rodas agrícolas. No tocante aos investimentos dixo que “imos investir máis de 350.000 euros en infraestruturas a través do Plan Único, como debe facer un goberno, non mirar a cor política, senón que os orzamentos veñan para Ribadeo”.
O rexedor dixo que “en menos de cinco meses están andando obras como as do Hospital Asilo, o centro de día, a residencia de maiores as escolas rurais ou os aparcamentos. En cinco meses temos unha estratexia turística en marcha”.
Dani Vega avogou “por traballar para conseguir o segundo acceso a Ribadeo desde A-8, polo acceso da estrada de Vilela á variante e por unha aposta clara polo polígono industrial de Ribadeo. Hai que abaratar os prezos das parcelas para que se poidan instalar máis empresas aquí”.
O alcalde subliñou que os orzamentos de 2024, que roldarán os 11 millóns de euros, “serán os máis sociais da historia de Ribadeo e nos que unha parte importante irá destinada aos servizos sociais”.
A comida do PP de Ribadeo coincidiu coa conmemoración do 25N. Vega dixo que “este é o primeiro goberno municipal que conta con tantas mulleres á fronte das súas Concellerías”. E tivo palabras de agradecemento polo traballo desenvolvido polo seu equipo.
O rexedor agradeceu a presenza neste xantar de confraternidade dos deputados estatais Francisco Conde e Jaime de Olano, da deputada autonómica Raquel Arias e do portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide.