Mondoñedo, 15 Novembro, 2023. Os Bombeiros de Barreiros tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar ao condutor ferido, que posteriormente foi trasladado nunha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao centro hospitalario de referencia.
Un dos alertadores que contactou co 112 Galicia para informar deste accidente, indicaba que se trataba da saída de vía dunha furgoneta que circulaba pola N-634, pola parte de atrás da Igrexa Dos Remedios. No seu relato comunicaba que o vehículo chocara contra un muro e que rematara envorcado.
A partir de aí, os xestores do 112 informaron da situación ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xa foran avisados por un dos alertadores. Así mesmo, pasaron aviso aos Bombeiros de Barreiros, á Policía Local e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, que nada mais chegar ao punto xunto coa Policía Local, confirmaron que o condutor estaba atrapado no interior do vehículo.
Tras ser liberado, os Bombeiros comunicaron o traslado en ambulancia do ferido polos profesionais sanitarios.
O accidente ocorreu pasados uns minutos da unha deste mediodía.