O conselleiro do Mar participa na nova edición do foro gastronómico na vila mariñá
Cervo, 24 de novembro de 2023. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou no IV foro GALICIA SABE AMAR que se celebrou en Cervo, no conxunto histórico-artístico de Sargadelos. Alí manifestou a importancia de poñer en valor os produtos do mar e a súa promoción, alimentos que, como destacaba o lema do encontro, teñen na sostibilidade, xunto coa calidade, a súa gran razón de ser.
Ademais de enxalzar as propiedades gastronómicas e nutricionais dos alimentos pesqueiros e da acuicultura, o titular de Mar volveu a reclamar ao Goberno estatal a rebaixa do IVE, de xeito similar ao aplicado a outros este mesmo ano e que se veñen de prorrogar para o comezo do próximo exercicio. Unha demanda na que a Xunta acompaña ao sector e que leva solicitándose dende hai case dous anos sen éxito, o que supón un agravio comparativo e unha desvantaxe competitiva para a actividade pesqueira e a comercialización dos seus produtos.
Alfonso Villares sinalou tamén a outros informes como os elaborados pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia ou o do Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura (Eumofa) certifican o negativo impacto da fiscalidade na cesta da compra para os alimentos do mar.
Para medir, fundamentar e cuantificar o impacto, a Consellería do Mar quixo contar con algúns dos maiores expertos da economía ligada a pesca das Universidades de Santiago e A Coruña. Puxéronse en marcha dous estudos que tratan de medir o golpe que supón ao consumo esta errónea e inexplicable decisión do Executivo que preside Pedro Sánchez. O primeiro destes informes é un análise sobre os cambios na dieta trala pandemia, no que se presta especial atención aos produtos pesqueiros.
O segundo dos traballos académicos, elaborado polo Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e Recursos Naturais da USC, aborda os efectos económicos e distributivos da redución do IVE no sector pesqueiro, unha detallada análise que aborda os últimos dous exercicios de tensións inflacionistas e que busca poñer, negro sobre branco, os efectos positivos que tanto para actividade da cadea mar-industria como para os propios consumidores tería na comunidade galega a rebaixa deste imposto, tanto en contribución á riqueza en termos de valor engadido bruto como no posible impulso na xeración de novos postos de traballo.
Desde a Xunta de Galicia preténdese contar co aval destes estudos e os datos que ofrezan para certificar, unha vez máis, que non ten sentido ningún deixar fóra da rebaixa do IVE a uns alimentos que deben ser básicos na dieta. A previsión é que os dous informes se presenten ao público nos próximos días.
Sustentabilidade e gastronomía
O IV Foro GALICIA SABE AMAR, organizado en torno á sostibilidade, foi inaugurado por Antonio Basanta e nel participaron tanto profesionais do sector pesqueiro como Sergio Lopez, xerente da Organización de Produtores de Burela (OPP7) ou Manolo Blanco, de Pescados Rubén, que compartiron a mesa redonda ‘#AcociñaDoMar como motor do desenvolvemento sostible’ con Higinio Díaz, profesor de Cociña en FP no IES Foz, e Mar Orosa, chef e propietaria do restaurante El Oviedo de Ribadeo.
Na segunda das mesas, sobre ‘A #sostibilidade como ingrediente #naCociñadoMar’, coincidiron Mariela Gimena, xerente de Augas Santas Brew; Nieves Medina, de Currimar Conservas Artesanais; Marcos Salgueiro, de Frigomar Burela; e Alvaro Villasante, chef e propietario do restaurante Paprica de Lugo. O acto conducido pola comunicadora María Cheda pechouse co showcooking e degustación LUGO SABE AMAR no que mostraron as súas propostas culinarias os cociñeiros Mar Orosa e Álvaro Villasante; Héctor López, do restaurante España; Bruno Pena; Martín Mantilla, do restaurante Berso de Sober; e Diego López, do restaurante Bulló Xantar de Lugo.
Trátase do penúltimo dos foros previstos dentro da campaña desenvolvida pola Consellería do Mar para animar á cidadanía a consumir peixe e mariscos, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos mariñeiros e pescadores. A edición de peche terá lugar en Santiago de Compostela antes de final de ano.
GALICIA SABE AMAR é una campaña que se suma a outras máis específicas como ‘Fai click ao teu bocata’, ‘Ti si que es un bo peixe’ ou ‘Vai de peixe’ para promocionar o consumo de produtos do mar en todas as idades e por todas as vías, redes sociais incluídas. Tamén hai que engadir a labor a través da marca de calidade ‘pescadeRías, de onde se non?’ e campañas para publicitar produtos de tempada como o bonito do norte.