Viveiro, 6 Novembro, 2023. Os Bombeiros de Viveiro tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar a dous dos ocupantes, a muller falecida e o condutor do turismo.
O accidente ocorreu sobre as doce desta media noite. Un particular contactaba co 112 Galicia a esa hora para informar dunha colisión entre un turismo e un camión que estaba estacionado na LU-539, moi preto da rotonda de Misericordia, en Viveiro.
Segundo o relato doutra alertadora, eran tres persoas as que viaxaban no turismo, unha delas estaba fóra, pero, no seu interior permanecían outros dous ocupantes.
Tras recibir o aviso, desde o 112 Galicia foron informados de inmediato o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Viveiro, a Garda Civil de Tráfico e os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.
Así, unha vez no punto e logo de rematar as tarefas de excarceración, o persoal sanitario confirmou o falecemento da muller, así o como o traslado doutra muller nunha UVI móbil e o dun varón nunha ambulancia medicalizada. Ambos os dous ao Hospital de Burela.