Dos 116 M€ das contas provinciais para o ano que ven, o vicepresidente valorou “o Plan Único como principal instrumento de cooperación cos concellos” e remarcou “a aposta por dar continuidade e reforzar esta fórmula de distribución de recursos, con criterios públicos e obxectivos, incrementando o investimento previsto ata os 21 millóns 750 mil euros”, cumprindo co acordo asinado entre BNG e PSOE para a formación de goberno.
Efrén Castro valorou tamén o investimento destinado “ao funcionamento e á ampliación da rede de Centros de Atención a Maiores, cunha partida arredor dos 11 millóns de euros, para atender unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia, que dedica 0 euros a creación de residencias públicas na provincia de Lugo”.
Ademais, destacou o investimento da Deputación de Lugo no “apoio económico á promoción do deporte e aos e deportistas que están a protagonizar un periodo dourado para o deporte, cun investimento de 4,1 M € destinados a clubs de máximas categorías, dos que a Deputación é o principal patrocinador, e tamén ao tecido deportivo de base e afeccionado” e no desenvolvemento de políticas dirixidas “a sectores estratéxicos para as comarcas de Lugo e fundamentais na producion de alimentos de proximidade e na sostibilidade económica, social e ambiental do medio rural como a gandeiría e a agricultura” a través do orzamento de 1,8 M€ da área de Rural.
Tamén subliñou o investimento en Cultura, a través da Rede Museística Provincial, con 3,6 M€, e do apoio ao tecido cultural, con 1,1 M€ destinados a programacións propias, e preto de 1M€ dedicados a colaborar con entidades culturais.