Deportes e Cultura destinan máis de 5 millóns de euros ao tecido deportivo e cultural, chegando a todos os concellos
Lugo, 21 de novembro de 2023. O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes, Artesanía e Memoria Histórica Efrén Castro, a deputada de Cultura, Patrimonio e Normalización Linguística e o deputado de Medio Rural, Mar e Mocidade Daniel García participaron este mediodía na presentación aos medios da proposta de orzamentos da Deputacíon de Lugo para 2024, que ascenden a 113,14 millóns de euros e que se aprobarán no vindeiro pleno, o 28 de outubro.
Efrén Castro expuxo a importancia de “concretar unha proposta de orzamentos, que canalice a acción política e poña os recursos da Deputación de Lugo ao servizo dos concellos e do tecido economico, social, cultural e deportivo dende o inicio da anualidade” e valorou “o traballo desenvolvido nestes días polo persoal dos servizos implicados na elaboración das contas”.
O vicepresidente destacou “o Plan Único como principal instrumento de cooperación cos concellos” e remarcou “a aposta por dar continuidade e reforzar esta fórmula de distribución de recursos, con criterios públicos e obxectivos como a poboación, a superficie, a dispersión ou o índice de envellecemento, incrementando o investimento previsto ata os 21 millóns 750 mil euros, 250 mil euros máis que na pasada anualidade, cumprindo co acordo asinado entre BNG e PSOE para a formación de goberno.
Efrén Castro valorou tamén o investimento destinado “ao funcionamento e á ampliación da rede de Centros de Atención a Maiores, cunha partida arredor dos 11 millóns de euros, coa que a Deputación de Lugo está a soster unha rede pública para o coidado das persoas maiores fronte á incomparecencia da Xunta que, malia ter as competencias, se desentende desta necesidade social”.
O vicepresidente da Deputación continuou a súa intervención detallando as partidas das áreas de Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica ; Medio Rural e do Mar e Mocidade; e Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Linguística , que chegan a todos os concellos a través de programas desenvolvidos desde as propias áreas ou de colaboración co tecido asociativo.
Deportes
O orzamento contempla 4,1 millóns de euros para fomentar a actividade deportiva, que se canalizan, fundamentalmente, a través do apoio a clubs e entidades deportivas. O vicepresidente da Deputación sinalou que esta cifra, similar a da pasada anualidade, converte a área de Deportes no “principal soporte económico para o tecido deportivo da provincia, tanto de base e afeccionado como profesional ou semiprofesional”.
Efrén Castro incidiu na necesidade de coidar e manter un equilibro entre os dous ámbitos, mantendo o apoio aos clubs que compiten nas máximas categorías, que teñen unhas necesidades de financiamento específicas e que, sobre todo no deporte feminino, cumpren unha función social tamén como referentes no avance cara a igualdade no deporte, ao tempo que se fomenta o deporte como actividade física e alternativa de ocio saudable, a través da extensa rede de clubs afeccionados e de base coa que contamos nas distintas comarcas”.
Neste sentido, lembrou que “ a través de distintas liñas de axuda, dacordo cos datos deste ano, a área de Deportes achega financiamento a máis de 330 clubs e 250 deportistas de modalidades individuais”
Ademais desta colaboración directa co tecido deportivo, a área de Deportes asume “o mantemento e subministración de servizos básicos do Pazo e o Anexo e da Escola de Piraguismo, instalacións básicas para o deporte na cidade, ás que destina 1,2 millóns de euros.
Efrén Castro lembrou que “ademais de atender ao funcionamento diario das instalacións, neste ano que remata fíxose un esforzo importante en intervencións de mellora e de modernización como a renovación das bancadas do Pazo ou a instalacion de parqué no Anexo – que está na fase final-” e anunciou “que no vindeiro ano se seguirá investindo nestas instalacións, cun proxecto para dotar o Anexo de vestiarios”.
Cultura, Patrimonio e Normalización Linguística
A área xestionada por Iria Castro manterá as liñas de traballo dos últimos catro anos, compaxinando o desenvolvemento de programacións propias para achegar a actividade cultural a todo o territorio co apoio ao tecido asociativo.
Os orzamentos para 2024 contemplan 1,1 millóns de euros para a actividade organizada pola propia área, con circuítos de teatro afeccionado e profesional, o programa de difusión da música tradicional e popular Tradigalu, ciclos de cine ou actividades vinculadas á ilustración e ao muralismo, que chega á practica totalidade dos concellos.
Efrén Castro remarcou que “as programacións contan coa participación de artistas e creadoras locais, de xeito, ademais de atender un dereito como o acceso á cultura , o investimento en cultura redunda no fortalecemento dese sector profesional”.
No relativo ao apoio ao tecido asociativo, os orzamentos prevén destinar 950.000 euros a distintas liñas de axuda a asociacións e entidades adicadas á promoción e dinamización cultural.
Efrén Castro subliñou a contribución da área de Cultura ao sostemento “de entidades e eventos referenciais para a cultura galega, desde a Tradescola ou a Casa Manuel María, ata a Semana de Cine de Autor de Lugo, o Festival de Pardiñas ou As San Lucas de Mondoñedo, ao tempo que se colabora con decenas de asociacións e colectivos máis pequenos, de ámbito local, que son fundamentais para o acceso a cultura en todo o territorio e para a conservación e difusión do patrimonio material e inmaterial”.
Dentro da estrutura da área de Cultura, a Rede Museística – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e a Museo de Narla-, conta cun orzamento total de 3,65 mil´lons de euros. Unha contía que inclúe o persoal, o funcionamento e mantemento dos propios edificios, en sí mesmos bens patrimioniais, e o desenvolvemento dos traballos de estudo, conservación e difusión que corresponden aos museos.
Tras os investimentos realizados durante este ano na ampliación dos fondos do Museo de Lugo, coa incorporación de obra moi relevante para a arte galega e, sobre todo, coa adquisición do sestercio da caetra, Efrén Castro sinalou como obxectivo para o inicio do vindeiro ano “a remodelación da sala de numismática, co obxectivo de mostrar o sestercio da caetra nun contexto renovado e acaído á súa relevancia histórica e simbólica”
Caldaloba
O vicepresidente da Deputación de Lugo detallou tamén os proxectos previstos para avanzar na consolidación e posta en valor da Torre de Caldaloba e sinalou que “se prevén actuacións de limpeza e desbroce, catas arqueolóxicas e un proxecto de consolidación, que agarda a autorización da Xunta de Galiza”.
Artesanía e Deseño e Memoria Histórica
O Centro de Artesanía e Deseño conta de cara ao 2024 cun orzamento de 1.445.000 €, destinado ao funcionamento do propio centro, que alberga un importante patrimonio ligado á artesanía e aos oficios artesáns.
Efrén Castro explicou que “seguiremos impulsando o recoñecemento do patrimonio musical, con iniciativas como a exposición itinerante A Memoria do Son ou o encontro Celme de Zanfona, que esta convertendo Lugo nunha referencia no estudo e na formación sobre este instrumento de orixe medieval”.
O orzamento contempla máis de 330.000 euros para dar continuidade a actividades e proxectos de apoio e promoción da artesanía, apostando por dar visibilidade e abrir novos camiños para a sostibilidade económica e social do sector.
Atendendo a necesidade de impulsar formas de vida e consumo máis sostibles, seguirase traballando tamén no espazo permacultural Lugar de Reque, no paseo do río Rato, que revitalizou un espazo público e o converteu nun centro de referencia en formación e divulgación.
Os orzamentos de 2024 avanzan tamén na consolidación dunha partida específica para Memoria Histórica dentro das contas provinciais, co obxectivo de colaborar con iniciativas guiadas pola procura de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición en relación co golpe de Estado do 36 e da ditadura franquista
Rural, Mar e Mocidade
A área xestionada por Daniel García contará cun orzamento total de 1,8 millóns de euros para seguir traballando nas liñas estratéxicas que se foron consolidando no mandato pasado.
Efrén Castro destacou a continuidade de iniciativas que se puxeron en marcha nos últimos catro anos, abrindo camiño en ámbitos nos que non se avanzara previamente desde a Deputación” como o programa O que non arde -de fomento do silvopastoreo e da gandeiría extensiva- ou Da Escola á Granxa – programa de visitas granxas e proxectos de emprendemento no rural dirixido a infantil e primaria- que ademais de consolidarse aquí, se tomaron como referencia no resto do país, ou mesmo a nivel estatal.
O orzamento tamén prevé o reforzo da colaboración con entidades que traballan na promoción das razas autóctonas e do asesoramento rural, co obxectivo de fortalecer proxectos e iniciativas dirixidos a poñer en valor as potencialidades produtivas do rural e a visibilizar accions encamiñadas á sostibilidade económica, ambiental e social da gandeiría e da agricultura.
Ademais, área de Rural prevé afondar no apoio á comercialización das producións agrogandeiras, un ámbito no que xa se deron pasos co apoio a plataformas de comercio electrónico e que ten un campo de crecemento amplo dado o interese social polo consumo de proximidade.
No que ten que ver con Mocidade, manterase unha colaboración activa con asociacións e colectivos culturais con proxectos tan relevantes como o festival Osa do Mar ou a Asociación Camiña, centrada inclusión social e laboral de persoas con capacidades diferentes.