Site icon Crónica3.com A Mariña

“Do Mito ao Logos: as historias da filosofía”, por J. Manuel Yáñez Dablanca

Calquera que lea este titular lembrará o seu paso polo instituto e os dous conceptos cos que se comezaba a falar da Filosofía, da Filosofía occidental naturalmente, porque non nos daba tempo a comezar polo verdadeiro principio que está moito máis alá tanto no espazo coma no tempo. De feito teriamos que facer referencia a outras culturas anteriores, con outras problemáticas e outros protagonistas, pero o curso académico non da para máis, e entre todos e todas os que fixeron posible a evolución do pensamento humano só podemos referirmos a uns cantos nomes de homes e agora, xa por fin no plan de estudos, a unhas cantas mulleres. Quede para o tempo de “despois” completar, igualar e ampliar ditos nomes e o seu correspondente pensamento.

Pero o Mito e a relación que ten coa Filosofía é algo que se coñece desde a adolescencia. A definición da Filosofía como paso do MITO ao LOGOS é doada de lembrar, e saber que ese logos se relaciona coa razón, co pensamento, tamén resulta familiar para moita xente. De feito distinguimos claramente entre o que é mito do resto de cuestións, distinguimos claramente o que depende da nosa crenza do que depende da chamada Ciencia, que é a que nos guía con clarividencia polo camiño da realidade, mentres que o mito simplemente o recoñecemos como algo infantil, propio da intimidade e tamén da parte esperanzada da nosa personalidade.

Ao longo de 3000 anos xurdiron pensamentos variados que foron dando forma e acompañando os distintos acontecementos sociais e políticos, e foron tamén modificando e introducindo alteracións e mutacións neles, de tal forma que esta historia do pensamento é só unha parte da Historia verdadeira. Pero hai tamén outras historias da Filosofía, non sensu stricto, que convén tamén apuntar…

De feito, celebrar cada terceiro xoves de novembro (entre outras celebracións) o DÍA MUNDIAL DA FILOSOFÍA, obedece a unha reflexión e evolución conxunta das características e necesidades do pensamento mesmo. Tamén obedece a un intento de independencia e autonomía do pensamento libre fronte ás hostes sempre hostís do pensamento único, acrítico, unidimensional en sentido marcusiano, que se manifesta en determinadas situacións, camuflado e oportunista, moi dirixido polos neoconservadores (a linguaxe é sexista, nos non) de turno, nun claro intento de volta e reviravolta aos valores de antaño que algúns botan en falta.

Esta outra historia da Filosofía busca diferenciarse desa realidade que se nos quere impor e reivindica os valores atemporais que a UNESCO suxeriu no 2002 e que acompañan a proposta da Filosofía como o coñecemento que proporciona as bases conceptuais dos principios e valores dos que depende a PAZ mundial: a democracia, os dereitos humanos, a xustiza e a igualdade.

Este ideal consagrouse a partires do 2005 cando se instaurou a súa conmemoración oficial como DÍA MUNDIAL DA FILOSOFÍA. Unha data na que celebramos publicamente a importancia do pensamento para o progreso, e animamos ás persoas de todo o mundo a compartir as súas herdanzas filosóficas.

Queden para outro día o resto de historias e batalliñas da Filosofía… celebremos e ensalzemos hoxe o pensamento filosófico por enriba doutras conmemoracións, e manteñamos o seu espírito crítico como base da nosa propia evolución como persoas e como Humanidade.

J. Manuel Yáñez Dablanca
Profesor de Filosofía

Exit mobile version