Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezou en Ribadeo unha xuntanza do proxecto europeo de robótica, organizado por Apaga, no que participa profesorado e alumnado chegado desde Turquía, Polonia e Italia

Ribadeo, 13 de novembro de 2023. Ribadeo acolle desde hoxe e ata o 17 de novembro unha xuntanza do proxecto europeo de robótica no que participa Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). Ao encontro asisten vinte profesores e alumnos chegados de Turquía, Polonia e Italia, que ademais visitarán centros de ensino e empresas e coñecerán a comarca e outras cidades como Lugo, Santiago e Avilés.

O encontro deu comezo cunha xornada de traballo no salón de plenos do Concello, onde tivo lugar tamén a recepción oficial ofrecida polo alcalde, Dani Vega, acompañado das concelleiras de Turismo e Atención Cidadá, Marta Saiz e Montse Seijo, así como da xefa territorial de Educación, Sagrario Sánchez.

O rexedor animou aos asistentes a este encontro a aproveitar as xornadas de traballo e tamén a coñecer Ribadeo: “os animo a que aprovechéis la jornada desde un punto de vista formativo y de trabajo y también desde un punto de vista turístico para conocer Ribadeo, que tiene unos encantos maravillosos y los debéis descubrir”.

Tres profesores da Escola Municipal de Música e Danza foron os encargados de poñer a nota musical de benvida.

A primeira xornada deste encontro internacional seguiu cunha visita cultural por Ribadeo. Pola tarde os asistentes percorrerán as praias e a ría.

Mañá, martes, viaxarán a Lugo. O mércores visitarán Alcoa, en San Cibrao. O xoves achegaranse a varias empresas en Santiago e o venres desprazaranse ata Avilés.

Exit mobile version