Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as obras de mellora do hospital asilo de Ribadeo, que suporán un investimento de 1,6M€

O alcalde subliña que o equipo de goberno está a traballar co máximo criterio, co máximo rigor e coa máxima eficacia

Ribadeo, 9 de novembro de 2023. Dan comezo as obras de mellora do hospital asilo, que suporán un investimento de 1.600.000 euros. O alcalde, Dani Vega, destaca que a Xunta achegará unha partida de 700.000 euros, que se irá incrementando paulatinamente.

O rexedor afirmou que “comezan as obras do hospital asilo e durante estes meses o Concello estivo a traballar arreo para mellorar esta instalación”.
Vega tivo palabras de agradecemento para os técnicos municipais: “quérolles dar as grazas a todos os técnicos municipais, tanto de benestar social como de urbanismo, porque entre todos fixemos algo posible: mellorar unha infraestrutura que dentro dun meses vai ter que acoller a persoas e teñen que estar perfectamente”.

O alcalde dixo: “imos investir diñeiro público, polo tanto non é facer unha obra rápido e correndo, iso tradúcese en tirar os cartos de todos. Melloraremos esta instalación e tamén estivemos a informar durante todos estes meses aos grupos da oposición, tanto ao PSOE como ao BNG. Estiveron informados permanentemente dos pasos que iamos a dar: mellorar as infraestruturas, mellorar certas cousas que observamos entre todos que era conveniente facer unha actualización do propio hospital asilo, tamén elaboraramos un plan de seguridade e propúxose unha dirección da obra”.

Dani Vega indicou que “todos estes pasos levaron un tempo, teñen unha burocracia e seguramente que se tiñan que facer mais rápidos, pero non é cuestión nin unha decisión miña nin tampouco dos técnicos, son os prazos que hai que cumprir. Todo o que se fixo foi co máximo rigor, co máximo respecto e pensando no mellor para as familias e para as persoas que virán vivir nos vindeiros meses a esta residencia”.

O rexedor asegurou que “comezan unhas obras que teñen un orzamento de 1.600.000 euros e seguramente que esta cifra se incrementará e por iso nos estivemos preocupando en xestionar. A Xunta de Galicia vai achegar 700.000 euros, pero esa cifra se incrementará paulatinamente e nese traballo estivemos e estamos, xestionando orzamento para garantir que o Concello non teña que poñer unha cantidade moi importante. E se podemos non poñer nada e a Xunta nos axuda en practicamente todo pois moito mellor”.

Vega sinalou que “a achega do doutor Moreda de 700.000 euros máis a da Xunta nos garante a obra. Estes pasiños, pouco a pouco, co máximo criterio, co máximo rigor e coa máxima eficacia e traballando conxuntamente cos técnicos municipais, porque é bo oír ás dúas partes, a parte urbanística e tamén a de benestar social, foi no que estivo a traballar este goberno municipal, este Concello de Ribadeo”.

O alcalde engadiu que “empeza unha obra moi importante, fundamental e necesaria para todos os ribadenses”.

Exit mobile version