Site icon Crónica3.com A Mariña

Clausurado o obradoiro de emprego Eo-Navia, que formou a 20 persoas en actividades agroforestais

Contou cun investimento de 504.000 euros e os participantes traballaron aplicando tratamentos silvícolas en camiños da Pontenova, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz

A Pontenova, 2 de novembro de 2023. A Xunta de Galicia clausurou hoxe a terceira edición do obradoiro de emprego Eo-Navia, que formou a 20 persoas desempregadas en Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. No acto de entrega de diplomas participaron o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e Darío Campos, alcalde da Pontenova, concello promotor da iniciativa xunto cos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investiu 504.000 euros neste proxecto, que se desenvolveu durante o último ano e ofreceu ao alumnado traballador formación teórica e práctica.

Co seu labor melloraron as condicións de mobilidade nos camiños rurais dos tres concellos, aplicando tratamentos silvícolas para manter limpas preto dun cento de pistas.

Os obradoiros duais, financiados pola Xunta e desenvolvidos polos concellos, teñen unha tripla dimensión: proporcionar formación de calidade ás persoas participantes para que obteñan un posto de traballo, acometer obras e servizos de interese público e incrementar as taxas de inserción laboral a nivel local. Os participantes son contratados para realizar un traballo remunerado e, ao rematar, reciben un certificado de profesionalidade con validez en toda España.

No conxunto da provincia, destináronse 10,7 millóns de euros aos 21 proxectos levados a cabo desde o pasado outono, que beneficiaron a 57 municipios. Nas vindeiras semanas poranse en marcha outras iniciativas “que suporán novas oportunidades laborais para as persoas desempregadas”, segundo apuntou Arias.

Exit mobile version