O voceiro popular de Foz explica que, segundo as contas que quere aprobar o señor Cajoto, unha terraza duns 10m2 pasará a pagar entre 1.200 e 1.300€ anuais en lugar dos 350€/ano que pagaban ata agora aproximadamente
Javier Castiñeira afirma que “os hostaleiros non merecen este maltrato” sobre todo valorando todos os problemas que sufriron durante o verán, a época do ano na que máis traballan e na que tiveron que facer fronte aos constantes problemas co abastecemento de auga. “Queda claro que o señor Cajoto é un experto en facer a vida imposible aos profesionais deste sector”, denunciou.
O alcalde socialista de Foz prevé aumentar a recadación das terrazas nos vindeiros orzamentos. E, para que se entenda mellor, dende o PP de Foz poñen un exemplo:
Un hostaleiro que tiña unha terraza duns 10m2 pagaba, aproximadamente, 350€/ano, pero segundo a previsión do señor Cajoto para 2024 pasaría a pagar entre 1.200 e 1.300€/ano
“Esta é a forma de gobernar do señor Cajoto, cuadriplicar a taxa que se viña pagando”, lamentou, ao que engade que “quitar os cartos aos hostaleiros que traballan arreo todo o ano para poder gañar a vida é o camiño fácil, o complicado é o que non fai o equipo de goberno, buscar as fórmulas necesarias para aumentar os ingresos sen ter que subir impostos”.
Castiñeira afirma que estamos ante “un agravio máis” para os traballadores e para as empresas, polo que os concelleiros populares “votaremos non” á suba da cota que tributan as terrazas dos locais de hostalería por ocupación de vía pública. “Non podemos apoiar este ataque a todo o sector hostaleiro”, sinalou.
FALTA DE DIÁLOGO
O voceiro popular tamén critica a falta de diálogo amosada por Cajoto. “O alcalde non abordou a situación cos sectores afectados, como tampouco buscou consenso coa oposición para mellorar os orzamentos de Foz para o vindeiro ano. A esquerda segue a aplicar o rodillo”, sentenciou.